A Aula Permanente de Música Tradicional inicia na praza da Verdura o seu percorrido pola cidade

Pontevedra
07 de xuño 2023

Muíñeiras, xotas, mazurcas, pasodobres e polcas soaron na tarde deste luns na pontevedresa praza da Verdura, espazo no que a Aula Permanente de Música Tradicional Galega abría o ciclo de actuacións no espazo público que desenvolve ao longo do mes de xuño

Actuación da Aula Permanente de Música Tradicional na praza da Verdura Universidade de Vigo

Muíñeiras, xotas, mazurcas, pasodobres e polcas soaron na tarde deste luns na pontevedresa praza da Verdura, espazo no que a Aula Permanente de Música Tradicional Galega abría o ciclo de actuacións no espazo público que desenvolve ao longo do mes de xuño. 

Trátase dunha actividade formativa que o campus promove desde hai seis cursos, pero esta primeira actuación tivo como protagonistas ás preto de 30 persoas que integran o grupo de gaitas e percusión desta aula. 

Co músico Suso Vaamonde como responsable, trátase dunha actividade formativa aberta á participación de toda a cidadanía, que permite iniciarse ou perfeccionar coñecementos no manexo de diferentes instrumentos populares.

Neste mes de xuño a Aula protagoniza unha serie de concertos en diferentes prazas da cidade.

Programados todos eles para as 20.30 horas e impulsado coa colaboración do Concello, este ciclo arrancou na tarde deste luns na Verdura e trasladarase o día 12 á praza do Teucro, onde o grupo de gaitas e percusión estará acompañado en varias pezas polo coro sénior do campus de Vigo e polo novo grupo de baile tradicional do campus.