A arte, eixo central dos novos obradoiros de verán do Museo, con restricións de aforo pola pandemia

Pontevedra
03 de xullo 2020

Os obradoiros deste verán serán catro laboratorios artísticos ‘En correspondencia’, nos que a rapazada se aproximará á relación que mantén a arte con outros campos do saber e do coñecemento a partir da colección de arte contemporánea do Museo; obradoiros de exiptoloxía 'Pequeólogas' e obradoiros de reciclaxe artística 

Obradoiros de verán do Museo de Pontevedra Deputación Provincial

A oferta lúdico-formativa do Museo de Pontevedra centrarase este verán, entre xullo e agosto, en obradoiros para nenos de entre 5 e 13 anos que terán como eixo central a arte. 

Organizáronse tres obradoiros temáticos distribuídos en sete quendas semanais segundo a idade das persoas asistentes, ata un total de 84 prazas. Supón o 75% das habituais, 12 en cada quenda, polas restricións da pandemia do coronavirus.

Os obradoiros deste verán serán catro laboratorios artísticos ‘En correspondencia’, nos que a rapazada se aproximará á relación que mantén a arte con outros campos do saber e do coñecemento a partir da colección de arte contemporánea do Museo; obradoiros de exiptoloxía 'Pequeólogas', nos que se mergullarán no mundo da civilización faraónica dunha maneira lúdica e pedagóxica; e obradoiros de reciclaxe artística para promover na cativada a sensibilidade do problema ambiental que producen os residuos plásticos.

As actividades desenvolveranse de luns a venres en horario matinal, de 11 a 13 horas, e este ano estarán adaptadas ás novas medidas preventivas ante a crise santaria.

O Museo xa ten aberto o prazo de inscrición ata o 7 de xullo. Os interesados deberán formalizar a súa solicitude por vía electrónica, a través deste formulario, dispoñible tamén na páxina web do Museo.

As listas de admisión faranse públicas a través da web do Museo e tamén estarán dispoñibles para consulta no punto de información do Sexto Edificio. Concederase un obradoiro por nena ou neno por estrita orde de inscrición e, no caso de que existan vacantes, poderase optar a máis dunha actividade, debendo marcar a súa preferencia.