A área arqueolóxica de Tourón, primeira cita coa terceira edición do ciclo Monumenta

Ponte Caldelas
24 de agosto 2015

Trátase dun ciclo que aposta por desenvolver unha programación cultural en espazos de valor patrimonial das catro provincias galegas con concertos e outras actividades a cargo de especialistas en diferentes áreas vinculadas coa arquitectura, a arqueoloxía, a astronomía, a xeografía e o urbanismo

Leilía, nunha das imaxes promocionais do seu disco "Consentimento" Leilía

A terceira edición do ciclo Monumenta, unha actividade deseñada pola Consellería de Cultura para difundir o patrimonio restaurado en Galicia, botará a andar este xoves 27 de agosto na área arqueolóxica de Tourón (Ponte Caldelas).

Trátase da primeira cita dun ciclo que aposta por desenvolver unha programación cultural en espazos de valor patrimonial das catro provincias galegas con concertos e outras actividades a cargo de especialistas en diferentes áreas vinculadas coa arquitectura, a arqueoloxía, a astronomía, a xeografía e o urbanismo.

Para achegarlle á cidadanía a súa singularidade e valor patrimonial, o ciclo ofrecerá actividades como andainas, observación de estrelas e paseos sonoros, ás que se sumarán, para rematar cada xornada, actuacións a cargo de recoñecidos artistas e grupos galegos. Ademais, Monumenta conta coa implicación de axentes locais, que contribuirán a poñer en relación o patrimonio cultural co territorio e coa súa singularidade paisaxística.

No xacemento arqueolóxico de Tourón, un dos complexos de arte rupestre ao aire libre máis singulares de Galicia, o comisario de arte contemporánea Ángel Cerviño e o artista sonoro Carlos Suárez falarán da relación entre natureza e arte no século XXI.

A xornada tamén contará coa actuación musical do grupo Leilía e rematará cunha visita guiada polo arqueólogo Santiago Vázquez Collazo á area arqueolóxica e o visionado nocturno dos petróglifos. Ademais, o arqueólogo e especialista en astronomía guiará o público polo firmamento e axudarao a establecer conexións co xacemento. 

Noia, Os Baños (Bande) e Bóveda de Mera (Lugo) completan as localidades nos que haberá actividades deste ciclo. A programación, que é libre e de balde, pódese consultar en www.cultura.gal

Arquivado en