Comezaron as Visitas Cruzadas polo Museo de Pontevedra e fixérono da man de dúas artistas significativas no ámbito cultural de Galicia: a actriz Isabel Risco e a cantante Uxía Senlle. Cada unha delas ofreceu a súa particular visión sobre os contidos do Museo.
Cada unha das artistas mostraba aqueles traballos que máis lle sorprenden. Uxía Senlle á fronte dun grupo de 25 participantes ía mostrando traballos como o Feitizo de Carlos Sobrino, a sala do violinista Manuel Quiroga a quen Pontevedra débelle unha gran homenaxe, segundo a intérprete de Mos, para que sexa recoñecido socialmente este músico pontevedrés de fama mundial, que perdía a vida aos 46 anos atropelado por un camión en Times Square en Nova York.
A cantante Uxía tamén fixo fincapé nas obras de mulleres históricas que se gardan no Museo pontevedrés e detívose ante o cadro Campesiña de Elvira Santiso destacando os traballos de mulleres galegas que se atopan por descubrir para a maioría dos visitantes, como sinalaba Carlos Valle, director do Museo que seguía con interese a visita.
Uxía tamén ofrecía pezas musicais durante a visita mentres realizaba explicacións ante outras das obras que se poden atopar no edificio como é a de Álvarez de Sotomayor, Festa Galega.
Pola súa banda, Isabel Risco acompañada por outro grupo de visitantes percorría, primeiro, o edificio Sarmiento para, a continuación, cruzarse co grupo de Uxía Senlle para intercambiar integrantes e achegarse ata a Sala Castelao onde destacou a importancia da etapa que o artista de Rianxo tivo en Pontevedra.
Risco, entre outros aspectos relatou a impresión que nela tivo ver o retablo de Belvís, no que aparecen san Acacio e os dez mil mártires no monte de Ararat. Este retablo procede do convento de Compostela de Santa María de Belvís e é unha oportunidade para comprobar unha obra pintada en Galicia durante a etapa da Idade Media.
A esta sesión tamén asistiron os deputados Eva Vilaverde e Xosé Leal, ademais de persoas do mundo da cultura como a poeta Tamara Andrés.
A próxima xornada destas Visitas Cruzadas será o domingo 14 de maio co cineasta Jorge Coira e o blogger e xornalista Manuel Gago. A seguinte visita chegará o 21 de maio coa poeta e actriz María Lado e o xornalista da Radio Galega, Kiko Novoa. O ciclo vai pecharse o 28 de maio coa escritora Iria Collazo e o actor, dramaturgo e contacontos Quico Cadaval.
As visitas son gratuítas pero é necesario solicitar a participación a través do correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es. Todas as visitas inícianse ás 12.00 horas.