34.000 persoas exploraron a ciencia e a ficción do XVI Salón do Libro

Pontevedra
29 de marzo 2015

A cifra supón un importante incremento respecto á edición de 2014 con case 5.000 visitantes más, que asistiron ás actividades que se desenvolveron durante as últimas semanas no Pazo da Cultura e no Recinto Feiral de Pontevedra

Actividades do Salón do Libro 2015 Salón do Libro / Alba Sotelo

O balance do Salón do Libro Infantil e Xuvenil deste 2015 mostra un incremento de máis de 5.000 visitantes respecto á anterior edición. Se en 2014 a cifra se situaba en ao redor de 29.000 persoas, nas últimas semanas 34.000 menores e adultos achegáronse ata o Pazo da Cultura e ao Recinto Feiral de Pontevedra para descubrir diferentes aspectos da ciencia e da ficción. A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, considera "espectacular" o traballo desenvolvido durante este ano e a aceptación e participación dos eventos por parte dos máis pequenos.

Entre as visitas, destacan os máis de 14.000 estudantes que se achegaron ao mundo dos libros a través das actividades realizadas con colexios dende o inicio do Salón, o pasado 28 de febreiro. Neste sentido aumentou tamén o número de centros escolares, chegando ata corenta, que participaron nesta edición.

Ofertáronse máis de 300 actividades pensadas para o público familiar e tamén se incorporou á programación parte do programa de ocio alternativo 'Noites Abertas' durante os venres e sábados, ademais dun ciclo de cine cedidas polo CGAI e tres cursos específicos para docentes.

Entre os espectáculos de máis éxito de público destacaron a obra de teatro 'Catro tempos' para bebés, o espectáculo 'A pel da auga' de Pep Bou, a representación da obra 'Star Trip' de Yllana e o concerto 'Peter Pan' ofrecido pola Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra.

Os obradoiros que máis gustaron aos pequenos, segundo os datos recollidos no punto de información do Pazo da Cultura, foron os de 'Os efectos moi especiais', 'Ciencia na casa para pais e nais atrevidos' e o 'CSI: O roubo da torta'.

O perfil dos visitantes nas sesións de público en xeral foi o de familias de mediana idade con fillos de entre 4 e 10 anos, que en moitos casos repetían a diario. E de modo anecdótico, hai que destacar a presenza dos nenos do circo que estivo durante estas festas instalado en Mollabao, ademais dun grupo de deportistas de Valencia que se encontraba aloxado en Pontevedra.