2019 será o "Ano da Música" en Pontevedra

Pontevedra
30 de outubro 2018

Pontevedra é, segundo a Deputación, unha "gran potencia musical" en todos os seus eidos, tanto desde o punto de vista popular como profesional. De aí que teñan decidido que 2019 será o "Ano da Música" en toda a provincia

Xuntanza de Xosé Leal cos concellos que participarán en Culturgal

Pontevedra é, segundo a Deputación, unha "gran potencia musical" en todos os seus eidos, tanto desde o punto de vista popular como profesional. De aí que teñan decidido que 2019 será o "Ano da Música" en toda a provincia

Así o anunciou o deputado de Cultura, Xosé Leal, durante a xuntanza de traballo que mantivo cos concellos que participarán na vindeira edición do Culturgal.

O obxectivo será poñer en valor os programas e iniciativas de promoción da música galega e en galego da provincia e, neste sentido, anunciou que o Musigal será un programa prioritario. 

O Culturgal será a "punta de lanza", destacou Leal, para que o tecido cultural e os concellos planifiquen o ano 2019 tendo en conta a importancia que a música vai ter na políticas públicas da Deputación.

Tras tres anos instalando o mesmo posto, nesta edición a Deputación remodelará o seu espazo na feira e apostará por adaptalo para dar cabida ás "micropresentacións", nas que os concellos dan a coñecer as súas programacións ou iniciativas e que congregan a gran cantidade de público no posto provincial. 

Atendendo á situación do posto, que está colocado nun espazo que funciona como praza, aproveitaranse determinados momentos da xornada para presentar aquelas iniciativas que os concellos queiran promocionar no eido da música.

Ademais, haberá un espazo dedicado á proxección de audiovisuais que acheguen os concellos con propostas culturais e fitos representativos no ámbito musical; e un espazo para publicacións relativas á música e a certames e ciclos musicais. 

Poderán promocionarse os certames e ciclos musicais, iniciativas de creación musical, feiras e eventos que promocionen a música galega, xornadas e publicacións relativas á música popular, estudos sobre musicoloxía e recoñecementos a persoas ou colectivos que aposten pola música galega e en galego.

O deputado nacionalista tamén aproveitou a sesión de traballo para avanzar que xa se está a traballar na II edición do programa Musigal e que a empresa encargada do desenvolvemento do programa dirixirase a partires da vindeira semana a todos os concellos.

Durante o mes de decembro abrirase o prazo para que se inscriban as formacións e artistas e en xaneiro abrirase o prazo para que os concellos fagan as súas solicitudes.

Como principal novidade anunciou que no 2019 os concellos só poderán optar a unha única actuación e que as formacións musicais só poderán ter un máximo de cinco actuacións ao abeiro deste programa.

Xosé Leal tamén indicou que se manterá o orzamento de 500.000 euros para este programa e que, ao igual que na primeira edición, a Deputación asumirá o caché do grupo ou artista e os concellos deben asumir os custos de produción.

Manteranse as mesmas categorías que na primeira edición: "Son muller" para grupos nos que polo menos o 60% das persoas integrantes e a vocalista sexan mulleres, "Son crianza" para espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar, "Son mocidade" para grupos nos que polo menos o 60% das persoas integrantes eran menores de 35 anos, "Son tradición" para grupos de música tradicional galega, "Son clásico" para grupos de música clásica que teñan no seu repertorio composicións de autores galegos; e "Son actual" para grupos de pop, rock, hip hop e música electrónica.