16 mulleres emblemáticas de Pontevedra fanse visibles na Praza de Ourense

Pontevedra
10 de marzo 2015

Numerosas persoas asitistiron á inauguración da mostra 'Do gris ao violeta' na que, a través de varios paneis, se recolle o labor destas mulleres traballadoras que resisitiron ante a barbarie da represión imposta pola ditadura

Exposición 'Do gris ao violeta' Mónica Patxot

A exposición 'Do gris ao violeta' que forma parte do programa municipal 'A memoria das mulleres' inaugurouse este martes 10 na Praza de Ourense e no Paseo Antonio Odriozola. Esta obra mostra a vida de 16 mulleres de Pontevedra e pretende facelas visibles e protagonistas da historia da cidade, recollendo distintas épocas e estratos sociais.

Familiares dalgunhas das protagonistas da exposición como as netas e o bisneto de Isolina Villaverde achegaron as fotografías da súa antepasada. Entre os asistentes a este acto encontrábase Francisco Cerviño González, o deputado pontevedrés do PSOE no Parlamento de Galicia, que é fillo de Daría González García, unha emblemática mestra que aparece nunha os retratos expostos nos paneis ofrecendo un discurso no colexio Inmaculada. Na imaxe aparece sentada e segundo conta Francisco Cerviño a xeito de anécdota, naquel momento a súa nai encontrábase embarazada do seu irmán, ese é o motivo polo que cre que "o discurso o dá sentada en vez de estar de pé como é o normal".

No apartado de traballadoras desta mostra encóntranse, entre outras, Clara López, a coñecida Clarita, de Almacenes Clarita; a empresaria de transporte público Carmen Durán, viúva de Cándido; a señora Lola de Pasarón, Dolores Calviño ou a famosa vendedora da Ferraría, María a do Carrillo. No apartado de pioneiras, heterodoxas e rebeldes encóntranse, entre outras, a mestra Carmiña, María del Carmen del Valle Río; a primeira aviadora da cidade, Chichana, Elisa Patiño e Meléndez; a progresista María Vinyals e Ferrés, coñecida como A marquesa vermella; a pintora Mercedes Ruibal ou Josefina Arruti, encarcerada por ser muller do ex alcalde Bibiano Fernández Osorio-Tafall.

Algunhas das fotos da exposición forman parte de achegas do Museo de Pontevedra. Noutros casos, proceden dos familiares das protagonistas ou de particulares de Pontevedra que as cederon para que se mostren como parte do pasado histórico das mulleres e da cidade.

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e Luis Bará, concelleiro de Patrimonio Histórico, foron as autoridades encargadas de conducir o acto de inauguración desta mostra á que tamén asistiu a deputada provincial de Cultura, Ana Isabel Vázquez, ademais das coordinadoras do proxecto María Xesús López Escudeiro e Montse Fajardo. A exposición permanecerá no ámbito da Praza da Ferrería durante preto de dous meses.