Os socialistas urxen o arranxo da pista de acceso ao campo de fútbol de Gatomorto
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do PSOE denuncia o "campo de minas" que deben atravesar os usuarios dun campo de fútbol de Gatomorto que "leva sen auga desde o pasado 7 de novembro".
A pregunta, formalizada por Yoya Blanco, pídelle á Concellería de Deportes, que dirixe Anabel Gulías, que informe de "cales son as motivacións que xustifican esta enorme tardanza" no arranxo da avaría que deixou sen auga as instalacións deportivas e cales son as previsións temporais para que se poida restablecer a subministración.
Os concelleiros do PSOE exixen "que se adecenten canto antes a pista de acceso e o aparcadoiro do campo de fútbol de Gatomorto" e critican este "novo exercicio de desidia".
Aseguran que o goberno local "semella terse esquecido por completo do mantemento das instalacións deportivas de Gatomorto", na parroquia de Santa María de Xeve, empregadas, entre outros clubs, polas categorías inferiores do Pontevedra e por equipos de Verducido, Xeve e Lérez.
"Acceder cos vehículos ata alí convértese nun auténtico rally París-Dakar pola lúa", xa que é "unha especie de paisaxe luar repleto de fochas de grandes dimensións que os usuarios e usuarias deben atravesar dando chimpos cos seus vehículos", sostén o PSOE local.