A Deputación aproba novos investimentos en Príncipe Felipe e a venda dunha parcela no polígono de Barro
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra celebrou este venres Xunta de Goberno na que se mobilizaron 2,3 millóns de euros en recursos destinados a benestar social, deporte, promoción económica, turismo e mocidade.
Segundo informou hoxe en rolda de prensa o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, o Goberno provincial ha aprobado o proxecto de execución das obras de substitución das cubertas do edificio 'Agarimo' e do inmoble do almacén xeral, na Cidade Infantil Príncipe Felipe, nas que se investirá case un millón de euros para solucionar os problemas de filtración de auga.
Con esta actuación o Príncipe Felipe ten en marcha obras e proxectos que suman 3,2 millóns de euros. Lembremos que están en execución traballos de mellora no CEIP Daría González (1,7 millóns de euros), na escola-fogar están a substituírse as escaleiras de emerxencia (374.000 euros) e hai diversas actuacións máis no campo de fútbol que se achegan aos 200.000 euros.
Por outra banda, a Xunta de Goberno Provincial deu luz verde definitiva ás subvencións dirixidas aos clubs deportivos da provincia que participan en competicións de ámbito inferior ao estatal para sufragar gastos federativos, desprazamentos, adquisición de material ou contratación de persoal. Son un total de 575.000 euros dirixidos a 480 entidades deportivas da provincia que teñen actividade en 54 concellos e outros 43.000 euros redistribúense entre 9 clubs de 6 concellos que militan no Grupo Sur da liga Preferente de Galicia.
VENDA DE PARCELA
A Deputación de Pontevedra tamén aprobou a venda dunha parcela de 2.100 metros cadrados no Polígono empresarial de Barro, por un prezo de 260.000 euros, a Gestión de Recursos Industriales y Maquinaria. Esta sociedade limitada pontevedresa amplía as instalacións que xa ten no Campiño.
Con esta compra no polígono de Barro xa son 24 as empresas que están alí asentadas o que supón un 76% de ocupación. Quedan actualmente 18 parcelas libres.
TURISMO, MOCIDADE E FENDA DIXITAL
Nesta comparecencia Luis López tamén deu conta da contratación da xestión do centro de acollida e atención ao público no Castelo de Soutomaior por un importe de 210.000 euros para o próximo ano, prorrogable por outros tres.
Dentro do proxecto piloto "Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra" que se poñerá en marcha nos concellos da Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Moraña e Forcarei, a Deputación aprobou hoxe por 150.000 euros o expediente para adxudicar o contrato para impartir a formación a un total de 500 persoas maiores, que son quen está tendo moitas dificultades na comunicación con administracións, empresas e servizos que hai que xestionar en moitas ocasións de forma telemática.
Por último, o goberno provincial aprobou 70.000 euros para que 9 persoas tituladas en Formación Profesional fagan as súas prácticas laborais no estranxeiro.
Relacionadas:
-
O viveiro de Barro dá a benvida a seis novos proxectos
Por Redacción |
-
Volven os adestramentos ao campo de Príncipe Felipe, pero os partidos terán que esperar
Por Redacción |
-
A Deputación contempla investimentos en melloras no Palacete das Mendoza e no Castelo de Soutomaior
Por Oskar Viéitez |
-
O destino Rías Baixas, de promoción na feira World Travel Market Events de Londres
Por Redacción |
-
Tempada de récord nas Ruínas de San Domingos alcanzando o segundo mellor rexistro en 20 anos
Por Redacción |
-
O Areeiro investiga un remedio a base de camelias para acabar cun fungo que ameaza os castiñeiros
Por Oskar Viéitez |