Vilagarcía non renuncia á súa Noite das Meigas
Por Redacción
As previsións meteorolóxicas obrigan a celebrar baixo teito as actividades organizadas pola Concellería de Cultura e colectivos de Vilagarcía de cara á Noite das Meigas.
Deste xeito, os seis poboados máxicos localizaranse na Praza da Peixería e abrirán as súas portas ás 22.00 horas para agasallar aos visitantes con rosquillas, doces, empanada e outros manxares.
Os poboados meigos de A Cantarela, a Protectora de Animais de Vilagarcía, as Cantareiras Bulideiras de Fontecarmoa, Indanonvaidesta, O Noso Lar e Clámide encargaranse de acoller ás meigas, magos, seres máxicos e do inframundo para animar o ambiente e embruxar aos presentes con todo tipo de encantamentos. Tamén haberá dinamización musical ata o momento no que o grupo Clámide faga o conxuro da queimada cunha coidada posta en escena.
Como todos os anos, cada asociación levará á festa o seu propio petisco, mentres que a Concellería aportará 3.000 rosquillas, así como os utensilios e ingredientes para facer a queimada (a caña, o azucre, café e limóns) que se distribuirá gratuitamente entre os presentes. Cultura tamén repartirá entre os poboados as taciñas conmemorativas adquiridas para a ocasión e que será o único elemento que se poña á venta a un prezo simbólico como axuda para as entidades colaboradoras.
Desde a Concellería agradecen a participación das asociacións pese ao cambio do emprazamento debido á chuvia "porque o importante é que a Noite das Meigas poida celebrarse e que os vilagarciáns poidamos gozar desta animada e característica celebración que dende o Concello desexamos manter e continuar potenciando, como o demostra o investimento realizado este ano na decoración e ambientación das rúas da contorna dos espazos nos que, de non chover, se ían a emprazar os poboados meigos para potenciar o atractivo desta divertida cita", indicaron.
A Noite das Meigas deste ano fíxose coincidir co CURTAS aproveitando a temática do festival audiovisual e para sumar sinerxías. Con isto, buscan converter Vilagarcía nun referente do Samaín e do fantástico, destacando no calendario unha actividade coa que dinamizar a cidade fora da tempada estival.
Relacionadas:
-
Samaín baixo carpa en Bueu
Por Redacción |
-
Animación, xogos, música e xincana do terror no Samaín de Campelo
Por Redacción |
-
Esta é a divertida programación do terrorífico Samaín Briz
Por Redacción |
-
Un Samaín de medo para nenos e adultos cunha renovada "Noite dos Calacús"
Por Alejandro Espiño |
-
Samaín con lambetadas, castañas e chocolate gratis en Ponte Caldelas
Por Redacción |