Cubela inicia coa ANPA de Tenorio as consultas para elaborar os orzamentos
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mantivo este xoves unha xuntanza de traballo coa ANPA de Tenorio dentro dos encontros que manterá cos diversos colectivos sociais para elaborar os orzamentos municipais para o ano 2024.
O alcalde analizou cos pais e nais do centro educativo o Plan Madruga que puxo en marcha o Concello coa colaboración da ANPA.
O rexedor adiantoulles que a intención do equipo de goberno é seguir incluíndo unha partida orzamentaria de apoio á ANPA de Tenorio nos Orzamentos Municipais do 2024 aínda que previsiblemente será maior que a dos anos anteriores debido á inviabilidade de seguir mantendo o programa de asistencia á piscina "polo que trasladaremos a súa contía ao convenio para que poida ser destinada para os seus gastos de actividades".
Cubela agradeceu aos membros da ANPA de Tenorio a súa implicación cos cativos e o dinamismo que coas súas actividades lle dan á comunidade educativa.