O goberno de Telmo Martín admite descoñecer a situación en que van aloxarse os 350 migrantes
Por Anxo Lourido
O Concello de Sanxenxo emitiu un comunicado sobre a chegada de 350 inmigrantes ao municipio, tras a decisión adoptada polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Inmigración.
Indican que hai uns días recolleron os primeiros rumores da intención de trasladar inmigrantes a hoteis de Sanxenxo. Este mércores 25 foi cando o delegado do Goberno confirmáballe ao alcalde, vía telefónica, que como noutros lugares de Galicia e España, o Ministerio aloxará a este grupo de persoas. 175 chegarán o 1 de novembro e o resto, o 8 de novembro.
O goberno local, ante esta situación, sinala que o sentir xeral en Sanxenxo é de "solidariedade coas persoas que tiveron que arriscar as súas vidas no mar para buscar un futuro mellor" e engade que farán todo o posible para axudar a este colectivo de persoas.
Pero, a continuación, lamentan o "escurantismo do Ministerio". Afirman que a veciñanza de Sanxenxo ten dereito a coñecer as razóns e as condicións do traslado, "nin sequera explicaron por que dos 416 inmigrantes que van vir a Galicia, 350 quedarán en Sanxenxo. Son moitas as dúbidas e a única resposta que obtivemos é o número de inmigrantes que veñen e cando chegan".
O goberno do alcalde Telmo Martín asegura que descoñece "o tempo que van estar en Sanxenxo, a súa situación sanitaria, se van facer algún tipo de actividade ou aprendizaxe, se o Concello pode colaborar ou facer algo para atendelos. Non sabemos se os inmigrantes foron regularizados, se van ter algún tipo de axuda para a súa integración social e laboral ou se, pola contra, o plan do Ministerio, como noutras ocasións, é que acaben marchando a outras comunidades ou países co apoio de familiares ou amigos".
Alegan que "o Ministerio fala dun plan humanitario, pero máis ben parece un intento de quitarse o problema de encima" e conclúen afirmando que "hospedar a estas persoas só é unha parte da solución, non resolve a súa situación de desamparo. Trasladarlles de Canarias sen un plan de inclusión parece máis unha solución para o goberno que a axuda que necesitan os inmigrantes. Do goberno de España espérase máis, espérase unha solución integral".
CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL
Desde a Consellería de Política Social tamén insisten en que Galicia é unha comunidade "solidaria" e están encantados de colaborar co Goberno central, pero reclaman maior "transparencia" e "colaboración por parte do goberno de Pedro Sánchez.
Quéixanse de que ata que o martes Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia, chamase a Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, non tiveron coñecemento da chegada dos inmigrantes e que agora carecen de información completa sobre como se producirá. Remitiron unha carta solicitando os detalles con datos ao descoñecer se chegará algún menor de idade que precise escolarización ou algunha persoa con necesidades específicas en canto a cuestións sanitarias.
DELEGADO DO GOBERNO
Pedro Blanco, delegado do Goberno, explicou que se trata dunha "actuación puntual e urxente" derivada da presión que está a sufrir a Comunidade Canaria. Explicaba nas últimas horas que o martes contactou telefonicamente con Alfonso Rueda, presidente da Xunta, para trasladarlle a información e durante o mércores cos catro alcaldes afectados por esta decisión que mostraron a súa "receptividade e disposición", aclarou.
"A través das asociacións que se dedican á reubicación estamos a dar información", expuxo o delegado engadindo que se está tratando o tema con "plena transparencia e información" anunciando que leste mesmo xoves realizará unha nova rolda cos alcaldes. Insistiu en que se trata dunha actuación "continxente, urxente e puntual".