En vías de solución os problemas causados pola construción do vial de acceso ao novo Montecelo
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Xunta e o Concello de Pontevedra teñen en vías de solución os problemas causados pola construción do vial de acceso ao novo Montecelo.
O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, mantivo este xoves unha reunión convocada pola Xunta da man do presidente da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, co fin de tratar diversos asuntos en relación co Gran Montecelo, como a creación do vial perimetral e a expropiación dos terreos necesarios para tal operación, ou o futuro estacionamento que terá que ser creado no lugar.
Na xuntanza tamén participaron, por parte da Administración autonómica, a directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro, e a Secretaria Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato.
O obxectivo da reunión era, principalmente, abordar a situación das acometidas de servizos imprescindibles para o funcionamento do hospital, especialmente a acometida eléctrica necesaria para a posta en marcha do novo edificio. Dende o Concello trasladouse que se estaba a habilitar o crédito para afrontar o custo que traslada a compañía subministradora. Tamén tratouse a situación do novo viario de Montecelo, en execución por parte do Concello, de acordo co establecido no convenio de colaboración coa Xunta para o desenvolvemento do novo Hospital.
A Xunta lembrou que o Concello redactou o proxecto desa nova vía e a Xunta tramitou e financiou as expropiacións dos terreos necesarios conforme ese proxecto municipal.
A ese respecto, na xuntanza avanzouse no traballo conxunto necesario para habilitar novos camiños de acceso a algunas fincas, encargándose o Concello do deseño e a Xunta da tramitación e expropiación os terreos.
Segundo o indicado polo edil, a Xunta amosou a súa vontade de facer un proxecto que resolva os problemas "que sexa razoable resolver", a través dun proceso de expurgación dos documentos que agora deberá entregar a veciñanza que ten as súas leiras afectadas.
"A Xunta será a responsable de tramitar o proxecto e de facer as novas expropiacións que se consideren", explicou. "Quen o pague é unha cuestión menor. Falamos de cantidades menores e, certamente, nin tan sequera se entrou a falar diso".
Alén deste asunto, Mosquera sinalou que "unha cuestión que quedou clara" é que a suxestións ao trazado desta estrada que fixera no seu día polo Concello para que as expropiacións foran de tres metros máis do aprobado "era correcta", e "de tela aceptado hoxe, probablemente, non estaríamos falando de nada disto".
"Ten que quedar claro de quen foi a responsabilidade de seguir adiante co proxecto inicial. Coido que aquela suxestión tería resolto todo, pero aínda hoxe non sabemos con exactitude a magnitude do problema por mor das distintas versións. Haberá que estudalo, expurgar e ver como queda ao final. O espírito e tentar resolvelo", manifestou o concelleiro nacionalista.
Con respecto á acometida da rede eléctrica o Concello aprobará na vindeira modificación de crédito unha achega de 1.160.000 euros para poder mellorar a liña de media tensión que vai dende a estación de Mourente ata o futuro hospital.
"Cumprimos coas nosas obrigas e ofrecemos a máxima colaboración, como fixemos coa subministración de auga, de pluviais ou de saneamento", lembrou César Mosquera.
No referido á solución do estacionamento e a integración paisaxística do mesmo en Montecelo, no propio proxecto se advirte que a integración é "deficiente e bastante mellorable".
A proposta do Concello de usar os terreos da parte de atrás do hospital para facer un estacionamento en superficie xa é coñecida pola Xunta e César Mosquera lembrou que a alternativa actual escollida pola administración autonómica de construir un aparcadoiro fronte á fachada principal "será custosísima, e traerá uns prezos disparatados para os usuarios para que sexa viable económicamente", indicou.
"O que nos remitiron neste caso é que vai haber novidades", das que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda dará conta este luns ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, na entrevista que teñen concertada.