Pinto e Maragota comeza cunha Foliada Diversa e ofrecerá un congreso para docentes
Por Anxo Lourido
Este sábado 7 de outubro comeza a programación prevista para este ano polo Concello de Pontevedra dentro do programa Pinto e Maragota, que busca dar visibilidade á diversidade. Será da man da Asociación Cultural Trépia, que ofrecerá unha Foliada Diversa na Praza do Teucro a partir das 19.00 horas.
Anabel Gulías, concelleira de Igualdade, presentaba os actos previstos lembrando que Pontevedra "non levanta a bandeira do orgullo só un día, senón que a levanta durante todo o ano" e destacou que ningún outro Concello en Galicia e poucos no Estado ofrecen un programa con tantas actividades.
Entre os puntos da programación quixo facer fincapé no Premio Literario Pinto e Maragota, en colaboración coa editorial Xerais, que neste 2023 recaeu na obra 'Todo o que doe' de Carmen Caramés.
Ademais, indicou que o sábado 21 de outubro, o Teatro Principal de Pontevedra acollerá un congreso para docentes no que se analizará a diversidade sexual e de xénero nas aulas coa intervención das actrices da Panadaría, compañía que traballa estes temas nos seus espectáculos.
"Este congreso pode ser unha ferramenta fundamental para o profesorado e facer sociedades mellores", afirmaba Anabel Gulías. Realizaranse talleres nos centros de ensino secundario en paralelo con este congreso, que finalizará cun recital poético de Ismael Ramos.
Tamén está previsto o domingo 19 de novembro un Vermú Tortilleiro no Campiño no que se compite con mostrar a mellor tortilla tradicional e a mellor tortilla queer, con todo tipo de ingredientes. O coñecido chef Pepe Vieira participará no xurado desta actividade gastronómica.
Aproveitando a presentación, Anabel Gulías anunciaba que o goberno local traballa na licitación do concurso público do Centro de información en diversidade e sexualidade (CIDES) de Pontevedra coa intención de que entre en funcionamento en 2024.
Relacionadas:
-
O Campiño de Santa María acolle o segundo vermú tortilleiro de Pinto e Maragota
Por Redacción |
-
A obra 'Todo o que doe' de Carmen Caramés, gañadora do III Literario Pinto e Maragota
Por Redacción |
-
Masiva manifestación para tecer "diversidades contra a violencia" no Orgullo 2023
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Pinto e Maragota forma a estudantes pontevedreses sobre a historia da disidencia sexual en Galicia
Por Redacción |