Louro insta a Núñez Feijóo a "non quedar só defendendo a privatización da Sanidade"
Por Redacción
O grupo municipal do PSdeG-PSOE está a ultimar a moción que presentará ao próximo Pleno municipal contra a modificación do mapa sanitario das superespecialidades e contra o mantemento do proxecto do hospital semiprivado de Monte Carrasco, na que considera que o PP quedou non só sen apoios, senón tamén sen argumentos.
O tenente de alcalde e portavoz socialista, Antón Louro, considera que a recente decisión do presidente da Comunidade Autónoma de Madrid, Ignacio González, de dar marcha atrás no proceso de externalización dos hospitais públicos madrileños, "deixa nun brete á Xunta de Galicia".
"Foi un duro golpe ás políticas ultraliberais do Partido Popular", afirma Antón Louro. "O presidente galego debería tomar nota e rectificar o rumbo das decisións que neste campo ten adoptado nos últimos anos", engade.
Louro di que o PP "sabe perfectamente que non vai construír nin o hospital de Monte Carrasco"
Louro di que o PP "sabe perfectamente que non vai construír nin o hospital de Monte Carrasco", nin os 11 centros de saúde que anunciou por toda Galicia co modelo de financiamento privado. O seu xuizo trátase dunha fórmula máis cara, menos eficiente e que deteriora a calidade do servizo.
Na moción que presentarán os socialistas pontevedreses recalcarase a necesidade de iniciar urxentemente o proceso de construción do Hospital ÿnico de agudos en Montecelo e reconverter o Hospital Provincial nun centro socioasistencial de longa estancia para crónicos e nun macro-consultorio de Consultas Externas. Finalmente, proporán transformar a Casa do Mar no terceiro gran ambulatorio para pechar a rede da Atención Primaria en Pontevedra.
"Unha solución austera, que aproveita e potencia as infraestruturas xa existentes, e que daría solución a todos os problemas da Sanidade pública nesta área", rematou Louro.