Éxito dos obradoiros de memoria de Bueu, que terán 90 asistentes
Por Redacción
O Concello de Bueu continuará este novo ano cos obradoiros de memoria, que xa comezaron despois das vacacións de verán e terán este curso un total de noventa asistentes.
A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Laura Ogando, visitou este venres un dos grupos dos obradoiros de memoria, deu a benvida ás persoas participantes e fixo fincapé na necesidade destes obradoiros que organiza o Concello dende hai moitos anos para fomentar o envellecemento activo e as políticas sociais activas.
Os obradoiros son impartidos polos centros de día C. D. Pescadoira e C.D. Contigo en tres sedes diferentes: o Centro Social do Mar de Bueu, a Casa do Pobo de Beluso e o Centro de Interpretación de Agrelo, en Cela.
Trátase de obradoiros de balde nos que as 90 persoas asistentes estarán divididas en seis grupos en distintos días e horarios, sempre de mañá.
A iniciativa ten como obxectivos o fomento do envellecemento activo, o aumento na calidade de vida, o coñecemento de novas actividades de ocio e tempo libre, a mellora nas relacións sociais, etc.
Desde o Concello de Bueu sinalan que estas actividades "son máis necesarias ca nunca", sobre todo, porque tras a pandemia se agravou o illamento social e o deterioro da saúde mental das persoas.
As persoas participantes seguirán as propostas de Estimulación Cognitiva, que buscan intervir nas funcións intelectuais que se poden ver afectadas nas persoas maiores.
Entre as actividades propostas están tarefas de debuxo, de construción de modelos, de xestos e mímica, de praxias cognitivas, música, exercicios sensoriais, e outros de relaxación e respiración. Todas elas ofrecen unha perspectiva integral para lograr un envellecemento activo.