En setembro comezan as protestas contra as industrias do leite pola baixada do pago de prezos aos gandeiros
Por Anxo Lourido
O 45% da produción do leite en España parte de Galicia. Na provincia de Pontevedra rexístranse 720 explotacións, que producen 280.000 toneladas anuais de leite.
Félix Porto, secretario de Coordinación Sectorial e Área Externa de Unións Agrarias, e Javier Iglesias, responsable provincial desta organización sindical, denunciaban este mércores a situación que atravesan as explotacións gandeiras de leite debido aos "acordos unilaterais" das industrias para abaratar os prezos deste produto.
Afirman que a imposición de contratos por parte das industrias sen negociación é un fenómeno que se está detectando na maioría de sectores produtivos.
Alertan de que en abril e en agosto se estableceron baixadas moi importantes, que supoñerán unha redución de máis de 10 céntimos por litro de leite. "Partimos dun prezo medio de 58,8 céntimos e, nestes momentos, nos contratos a media vai estar nos 48 céntimos", explican. Este descenso provocará unha perda de 30.000 euros por explotación e Galicia percibirá 200 millóns de euros menos anuais. "O que nos trasladan é que hai decisión das industrias lácteas de imposición sen negociación", afirma Félix Porto.
Javier Iglesias lembra que existe unha lexislación específica que establece a obrigación das industrias para formalizar contratos de duración mínima dun ano, pero na actualidade o 100% dos gandeiros aceptan "por imposición" contratos a tres e catro meses porque "non teñen outra vía nun produto como o leite que non se pode almacenar".
A esta situación, suman a diferenza de prezos entre Galicia e o resto de Comunidades Autónomas, que se incrementou nos últimos meses provocando que a diferenza sexa de cinco céntimos menos que os que se pagan en Asturias e 4,5 céntimos menos respecto aos establecidos en Andalucía e Castela-León.
Unha circunstancia que se produce cando non existe baixada do consumo do leite nin descenso de prezos ao consumidor. Desde Unións Agrarias entenden que a marxe de diferenza permanece na conta de resultados da industria e da distribución.
"O que nos trasladan é que hai decisión das industrias lácteas de imposición sen negociación"
Por este motivo, en setembro iniciarán unha campaña de recollida de firmas e realizarán protestas con presentación de denuncias na Axencia de Información e Control Alimentario (AICA) tanto de Galicia como de España por incumprimento da Lei de Cadea Alimentaria.
Tamén teñen previsto presentar unha denuncia na Comisión de Mercados e Competencia para que se investigue a posible posta en marcha dun cártel por parte das industrias do leite para establecer os prezos, xa que a documentación que envían aos gandeiros sempre inclúe o mesmo tipo de grafía e o mesmo contido para establecer os prezos.
COMPLICACIÓNS DERIVADAS DA ENFERMIDADE DA LINGUA AZUL
Félix Porto e Javier Iglesias tamén aproveitaron para demandar á Xunta de Galicia unha campaña de vacinación para aqueles exemplares que non se puideron vacinar para facer fronte a enfermidade da lingua azul cando tiñan menos de tres meses e agora permanecen en etapa de comercialización, xerando unha carga para as explotacións galegas ao quedar fose do mercado.
"Non podemos engadir problemas sanitarios dos que non son responsables os gandeiros", apuntan ante unha enfermidade vírica que se transmite a través dun mosquito procedente do sur peninsular, pero que non se transmite entre os animais nin aos humanos polo consumo de carne.
"Non teñen sentido vacinar animais para que ao día seguinte vaian ao matadoiro", explicaba Javier Iglesias, quen reclama á administración autonómica outro tipo de medidas profilácticas para evitar a transmisión e o control desta enfermidade.