Os socialistas estarán "vixiantes" para que Pontevedra non perda os 25 millóns prometidos por Transición Ecolóxica
Por Redacción
O PSdeG-PSOE advirte que "non imos permitir" que a cidade "renuncie" aos 25 millóns de euros comprometidos polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, destinados a proxectos para a renaturalización de todas as ribeiras fluviais de Pontevedra.
O portavoz municipal, Iván Puentes, adianta que estará "vixiante" para que os prazos se cumpran e non se dilaten e, como oposición, afirman que serán "construtivos" e ofrécenlle ao goberno local a súa colaboración para que os proxectos estean listos "o máis axiña posible".
"No río Lérez concéntranse a maioría dos investimentos que o Goberno de España trouxo para este municipio no pasado mandato, desde logo os máis apaixonantes, os que máis futuro e ilusión lle dan a esta cidade", destacou Puentes.
No marco dunha visita á vella ponte do ferrocarril sobre o Lérez, convertida nun miradoiro a través da estratexia Pontevedra Flúe, a número 2 do PSOE ao Congreso por Pontevedra, Marica Adrio, quixo contrapoñer a postura do seu partido frente os "negacionistas" do cambio climático.
"Os socialistas defendemos o dereito ao medio ambiente e a participación cidadá, un país que aborda con valentía a emerxencia climática desde a xustiza social e a equidade e o dereito a un medio ambiente saudable e á seguridade climática", subliñou Adrio.
A candidata socialista sinalou que o PSOE entende o medio ambiente "como garante de saúde", polo que apostan por cidades "saudables" nas que se recupere o espazo público para os veciños.
Relacionadas:
-
Teresa Ribera, "dispuesta a contribuir" na renaturalización de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O PSOE confía en que a "forza da democracia" desfará a campaña de odio do PP contra Sánchez
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Albares reúne en Pontevedra a ONG galegas e promete crear o estatuto do cooperante
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
O PSOE galego esixe a Feijóo que "pida perdón" ás vítimas da droga pola súa relación con Marcial Dorado
Por Redacción |
-
O PSOE fai desde Pontevedra unha chamada ao voto útil "porque estamos xogándonos moito en España"
Por Redacción |