Julio Sayáns, exalcalde de Campo Lameiro acusado de delito urbanístico na instalación da depuradora: "para nós estaba ben situada"
Por Anxo Lourido
Despois de 36 anos ocupando a alcaldía de Campo Lameiro, Julio Sayáns ocupaba este xoves o banco de acusados na Audiencia de Pontevedra, acusado como presunto autor de delitos de falsidade documental e contra a disciplina urbanística debido ás obras de instalación da nova depuradora no polígono industrial da Facha de Campo, feitos que se rexistraron entre os anos 2013 e 2015.
O fiscal pide sete anos de prisión para Julio Sayáns ao entender que a depuradora ocupou unha zona de terreos que figuraban como zona verde e tamén uns terreos que pertencían a unha construtora.
Ademais do exalcalde popular, tamén responden por estes feitos a secretaria municipal Mercedes G., para a que a Fiscalía pide dous anos e medio de prisión; e o enxeñeiro que realizou o anteproxecto, o proxecto e dirixiu a obra, Evaristo J., para quen pide catro anos e medio de cárcere.
Durante a vista oral que se celebra na sección cuarta da Audiencia Provincial, Sayáns declarouse inocente dos feitos que se lle imputan. A preguntas do fiscal e do avogado da acusación da empresa propietaria de terreos ocupados, relatou os problemas que existían coa anterior depuradora situada no polígono industrial e instalada por Augas de Galicia en 2005.
Debido a eses problemas, o entón alcalde decidiu impulsar a instalación dunha nova depuradora na mesma parcela. "Partía da base de que a Xunta tería legalizados eses terreos" onde se atopaba a infraestrutura. "Para nós estaba ben situada" e por este motivo escolleuse este terreo para a nova e solicitar unha axuda para esta operación, a través de fondos Feder.
Desta forma, segundo declarou Sayáns ante o tribunal, elaborouse o anteproxecto e foi enviado á Consellería de Industria que o aprobou sen advertir "que estaba mal", alegaba o exalcalde ao recoñecer que "non tiña coñecemento da cualificación urbanística" das parcelas. "Confiei en Augas de Galicia. Ninguén me advertiu de problemas de cualificación urbanística", insistiu esta mañá para escusarse en que "ninguén me advertiu de que era unha zona verde".
A obra foi modificada durante a execución porque dous dos módulos previstos da nova depuradora tiñan problemas de conexión coa rede de saneamento. Segundo afirmou tamén o enxeñeiro que dirixiría o proxecto, o propio alcalde deu o visto e prace ao xiro dos módulos, quen recoñeceu o seu visto e prace cando llo propuxeron: "se é polo ben da depuradora, fágase".
Julio Sayáns recoñeceu que foi en 2015 cando o aparellador informouno de que a obra ocupara 120 metros cadrados dunha parcela que non era de propiedade municipal e que correspondía á construtora Maceira Tomé. Explicou que tentara alcanzar un acordo coa empresa sen logralo porque os xestores pedían unha cantidade que multiplicaba por catro o valor da parcela.
Pola súa banda, Evaristo J., enxeñeiro responsable do proxecto, argumentou na súa declaración que a administración nunca estableceu reparos á obra de instalación da nova depuradora nas súas diferentes fases. Recoñeceu tamén que nos terreos non se detectaba división física xa que se atopaban abandonados coa antiga depuradora "situada nun nicho" e rodeada de maleza.
Finalmente, Mercedes G., secretaria municipal no Concello de Campo Lameiro desde 1980, só quixo responder as preguntas da súa avogada e expuxo tamén que a Xunta nunca "notificou nada. Nunca se trasladou información de que estaba nun terreo que non debía" xa cando se instalou a primeira depuradora.
Segundo o informe do fiscal, o alcalde ordenara á secretaria municipal que efectuase un informe sobre o procedemento que debía efectuarse para executar a obra da nova depuradora. Nese informe, segundo a Fiscalía, non se fai referencia á necesidade de elaborar un prego de prescricións técnicas por un funcionario municipal nin encomendar a un técnico externo a elaboración do prego de cláusulas técnicas ao carecer de persoal municipal para levar a cabo esa actividade.
A vista oral continuará coas probas periciais o vindeiro martes 18 de xullo.
Relacionadas:
-
Absolven o ex alcalde de Campo Lameiro, acusado de delito urbanístico polas obras da depuradora
Por Redacción |
-
Informes técnicos alongan o xuízo contra o ex alcalde de Campo Lameiro pola construción da depuradora
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
A Audiencia Provincial tentará de novo celebrar o xuízo contra o exalcalde de Campo Lameiro Julio Sayáns
Por Oskar Viéitez |
-
Homenaxe a Julio Sayáns despois de 36 anos como alcalde de Campo Lameiro
Por Redacción |
-
Julio Sayáns, alcalde de Campo Lameiro desde 1983, non se presentará á reelección
Por Redacción |
-
As obras do polígono empresarial de A Facha rematarán nos próximos días
Por Redacción |