Suspenden os dous días de folga previstos para esta semana no comercio de alimentación
Por Anxo Lourido
As asembleas de persoal do comercio de alimentación celebradas en Pontevedra e Vigo na noite deste luns decidían suspender os dous días de folga que convocara a CIG para este mércores 12 e xoves 13.
O motivo desta decisión atópase en que a patronal presentou unha proposta de convenio colectivo na que ofrece unha subida salarial total do 13% nos catro anos de vixencia do acordo, con cláusula de revisión salarial a IPC real e con carácter retroactivo.
Esta proposta era trasladada aos representantes sindicais o venres e foron apoiadas polo persoal nas últimas horas. En todo caso, está previsto que a negociación continúe nos próximos días para renovar o convenio provincial, que afecta principalmente a empresas como Gadis e Froiz.
A proposta da patronal establece un convenio a catro anos con incrementos salariais do 5% en 2023; do 3% en 2024; do 3% en 2025 e do 2% en 2026, con cláusulas de revisión salarial para cada un dos anos de vixencia con carácter retroactivo, sempre que o IPC real supere estas cantidades, segundo indica a federación de Servizos da CIG.
Ademais, ofrece un día máis de vacacións e dous sábados libres ao ano. Tamén establece catro días de libre disposición e acepta varios puntos en relación a casos de violencia de xénero e igualdade e xubilación parcial.
Fíxase o inicio das licenzas en días laborables e incorpóranse as licenzas de 15 a 30 días, sen remunerar, para casos especiais. Por outra banda, introdúcese a promoción da categoría de auxiliar administrativo á de oficial administrativo, entre outros avances nunhas negociacións que ata o venres permanecían nun clima tenso entre as partes.