Lores avoga por "darlle unha volta" a todos os proxectos das marxes do Lérez
Por Alejandro Espiño
Tras a apertura aos cidadáns da antiga ponte do ferrocarril sobre Lérez, agora reconvertido en miradoiro, o goberno municipal estudará agora que proxectos se abordarán no ámbito de ambas as beiras do río para mellorar o seu estado e avanzar na súa renaturalización.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, avanzou que "haberá que darlle unha volta" a todas as iniciativas previstas, moitas delas incluídas na coñecida como estratexia Pontevedra Flúe, deseñada polo PSdeG-PSOE no pasado mandato.
"Hai proxectos que aínda non están en marcha e temos que repensalos", sostivo Fernández Lérez, que entende que é necesario analizar "o que realmente é razoable facer" e priorizar aquelas actuacións que teñen unha maior viabilidade técnica.
A recuperación de ámbito fluvial do Lérez, segundo o alcalde, continuará neste novo mandato "pero hai que repensalo, priorizalo e coordinalo todo moi ben", xa que lembrou que son actuacións que se financian con fondos europeos e a súa tramitación é "complicadísima".
Entre estes proxectos estaría a posibilidade e abrir o túnel do tren cara a Lérez, o acondicionamento dos salóns do Lérez, mellorar as conexións do río coa cidade ou o mosteiro de Lérez ou humanizar os ámbitos máis próximos ao río.
O que o alcalde si descartou é a recuperación do antigo balneario porque "non sabemos onde está o manancial ou se é algo que realmente ten posibilidades de futuro".
"Non vin aínda como meterlle o dente a este tema", asegurou Lores, que recoñece que o que si se podería acometer é unha rehabilitación do antigo edificio do balneario porque "todo é adecentable", aínda que engadiu que "temos moitas cousas que priorizar".