A borrasca estraga parte das instalacións do porto deportivo de Aguete
Por Diego Torrado
As acometidas do mar provocaron durante esta madrugada do luns 6 numerosos danos nas instalacións portuarias deportivas de Aguete (Marín), no Club Náutico. As ondas de grande altura provocaron danos considerables na dársena do porto deportivo ao provocar unha ampla greta no peirao de acceso ás embarcacións.
O forte vento fixo que varias embarcacións se soltasen do amarre e remataron encalladas contra as rochas ou no areal. Ao longo da xornada, varios propietarios tiveron que achegarse ata a zona para recuperar e trasladar os seus barcos cara a un espazo seguro.
Tamén nos accesos portuarios se produciron desprendementos de baldosas do paseo.