Fiscalía pide trece anos e medio de prisión a un mozo por agredir sexualmente a unha pontevedresa
Por Redacción
A Sección Cuarta de la Audiencia provincial de Pontevedra sinalou para os próximos días 14 e 16 de xaneiro, o xuízo contra un mozo de 28 anos ao que a Fiscalía acusa de ser o autor da agresión sexual que sufriu unha muller pontevedresa en outubro do ano 2006.
O Ministerio Público, que solicitou a celebración da vista oral a porta pechada para protexer a vítima, pide 13 anos e 6 meses de prisión para o acusado, I. F. R., ao consideralo autor dun delito de agresión sexual con acceso carnal e uso de armas, así como dunha falta de lesións.
No escrito de acusación a Fiscalía sostén que o acusado, o 7 de outubro de 2006, se encontraba sobre as sete e media da madrugada na avenida de Bos Aires de Pontevedra e alí "se achegou a unha muller e, actuando con ánimo de satisfacer as súas apetencias sexuais e esgrimindo un coitelo, agrediuna sexualmente".
Igualmente o Ministerio Público pide ao Tribunal provincial que impoña ao acusado a prohibición de aproximarse nun radio de 300 metros á vítima, o seu domicilio ou lugar no que se encontre, así como comunicarse con ela por calquera medio, por espazo de 15 anos.
En concepto de responsabilidade civil reclama unha indemnización de 200 euros polas lesións e 3.000 euros polo dano moral causado.
CON ANTECEDENTES
O acusado xa foi condenado nunha ocasión anterior por un delito de agresión sexual en grao de tentativa, segundo informa o xornalista Carlos García en páxinas de Faro de Vigo.
Concretamente o 26 de setembro de 2007 o xulgado do Penal 2 de Pontevedra impúxolle unha pena dun ano e seis meses de prisión así como tres anos de prohibición de achegarse á vítima.
Relacionadas:
-
Indignación nunha vítima de violación ao ser condenado o seu agresor a só dous anos de cárcere
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada