Deteñen un arousano que cultivaba 362 plantas de marihuana por toda a casa
Por Redacción
A Garda Civil interveu este xoves de xaneiro 362 plantas de marihuana en distintas fases de crecemento que estaban a ser cultivadas nunha vivenda de Vilanova de Arousa.
As plantas estaban repartidas en tres dependencias distintas da vivenda: dous cuartos da primeira planta e o baixo cuberta do segundo piso. Nas tres estanzas tiña instalacións de sistema de rego, ventilación e calor (con lámpadas) e na casa tamén se localizou diverso material utilizado para o seu cultivo e elaboración.
Por estes feitos foi detido un home de 43 anos que vivía só na casa e era supostamente o coidador das plantas. M.A.O.M. conta cun amplo historial de antecedentes policiais e nesta ocasión foi arrestado como suposto autor dun delito contra a saúde pública. Tras ser trasladado ao cuartel da Garda Civil, quedou en liberdade, pero coa obriga de presentarse ante o Xulgado de Instrución número 2 de Vilagarcía de Arousa cando sexa requirido.
A operación realizárona axentes do posto da Garda Civil de Vilagarcía no marco das actuacións do Instituto Armado para a erradicación do cultivo e venda de substancias estupefacientes.
Unha vez descuberto que nunha vivenda habitada de Vilanova de Arousa se puidese estar a cultivar plantas de marihuana, os axentes realizaron un rexistro nesta con autorización do seu inquilino e localizaron as plantas, todas de cannabis sativa, pero en distintos estadíos de crecemento, segundo informou a Garda Civil.