Peches de tráfico en varios puntos de Pontevedra durante a fin de semana
Por motivo da realización da Copa de España de Ciclismo Feminino o domingo 26 de marzo, pecharase o tráfico en diversos puntos da cidade durante a fin de semana.
Os cortes comezarán xa o sábado. As rúas afectadas son Avenida Uruguai e Avenida Corvaceiras (sentido Pontevedra cara a Marín). Quedarán cortadas ás 22:00 horas do sábado 25 de marzo de 2023.
Por outra banda, a partir das 8:00 horas do domingo 26 de marzo de 2023, pecharanse as rúas Avenida Corvaceiras (sentido Marín cara Pontevedra), Avenida de Marín, PO-11 e PO-12 (autovía de Marín) e Avenida de Marín (Estribela). Este corte tamén afecta as vías cuxa circulación teña orixe ou destino nas rúas mencionadas.
Desde o Concello advirten aos autobuses que a partir das 8:00 horas do domingo non poderán acceder pola Ponte da Barca, Paseo de Colón e San Roque, sendo recomendado o acceso pola Ponte das Correntes, Bos Aires e Xosé Malvar para continuar cara á estación de autobuses. Outra alternativa é a circunvalación pola AP-9 entre o nó dos bombeiros e o nó do Pino.