Rajoy, dende Marín para o Mundo
Por Oskar Viéitez
O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, felicitou o Nadal aos militares españois este martes, 24 de decembro, durante a visita que realizou a Escola Naval Militar de Marín. Na actualidade, son uns 1.500 os militares españois que participan en diversas operacións en Afganistán, Líbano, Somalia, Mali e Bosnia.
"Ustedes hacen del mundo un lugar mejor en cada despliegue", afirmou Rajoy, na súa felicitación do Nadal aos distintos comandantes xefes das unidades españolas en misións no estranxeiro, "embajadores de España" e aos que ordenou que volvan "sanos y orgullosos del uniforme que visten".
Rajoy recoñeceu a débeda coas tropas despregadas no exterior polo "sacrificio que hombres y mujeres realizan a diario lejos de sus familias" en beneficio de "un bien tan intangible como valioso" como é "nuestra seguridad".
Cun atraso duns quince minutos chegou a Marín, acompañado do ministro de Defensa, Pedro Morenés. Nesta ocasión non houbo protestas cidadás á súa chegada á Escola Naval, a diferenza do ano pasado, cando acudiron os afectados polas preferentes ás portas da Base da Brigada de Infantaría Aerotransportable (Brilat), en Figueirido.