Os pontevedreses agardan a súa sorte logo de gastar 42 euros por habitante en décimos de Nadal
Por Natalia Puga
Os pontevedreses están pendentes do Sorteo Extraordinario de Nadal, para o que se venderon na provincia 202.244,9 series, isto é, 40.448.980 euros. A media de gasto por habitante descendeu un 5% con respecto ao sorteo de 2012.
Máis de 40 millóns de euros que supuxo un gasto medio por habitante de 42,20 euros, por debaixo dos 59,25 euros de media de Galicia e moi por debaixo dos 74,48 euros que se gastan en Castela e León, a comunidade que máis investiu no sorte este 2013. No conxunto estatal, as vendas baixaron un 4,18 por cento, vendéndose 2.363 millóns de euros.
Pontevedra tiña consignadas 248.309 series, isto é, 49.661.800 euros, pero devolvéronse a Lotarías e Apostas do Estado 46.064 series ou, o que é o mesmo, máis de nove millóns de euros regresaron a Madrid sen vender dende as administracións de lotaría da provincia.
O Sorteo de Nadal da Lotaría repartirá un premio 'Gordo' de 400.000 euros ao décimo, do que, por primeira vez, haberá que pagar un 20% en impostos.