Rescatados tres tripulantes dun hidropedal á deriva en Sanxenxo
Por Redacción
A Garda Civil de Pontevedra informa de que unha patrulla do Servizo Marítimo rescataba durante a mañá deste sábado 30 de xullo aos tres tripulantes que se desprazaban nun hidropedal dos que se alugan na praia de Major, na parroquia de Noalla do municipio turístico de Sanxenxo.
Os tres homes foron localizados polos axentes do Servizo Marítimo cando permanecían á deriva a tres millas de distancia deste areal que conta con bandeira azul, segundo indica a Garda Civil. Os tripulantes resultaron ilesos e foron trasladados na embarcación da Garda Civil ata terra, do mesmo xeito que o hidropedal.
Durante as primeiras horas desta xornada, segundo os datos que presenta o servizo de Meteogalicia, os ventos sopraban do nordés cunha forza de 5-6 na escala Beaufort, que mide a intensidade do vento baseándose tamén no estado da mar e a altura e forma das ondas.
Un vento de forza 6 ofrece unha velocidade de entre 22 e 27 nós, ao redor de 39-49 km/h., unha situación que dificulta o manexo de pequenas embarcacións e transportes mariños en canto abandonan a zona máis próxima ao litoral. Ademais, rexistrábase mar de fondo con ondas de 0,5 a 1 metros de altura.