CC.OO. móvese contra o "desmantelamento" da sanidade pública
Por Redacción
Un grupo de máis de 70 traballadores dos hospitais de Pontevedra concentráronse nas escaleiras de acceso ao Hospital Provincial para manifestar o seu rexeitamento á política sanitaria emprendida pola Xunta de Galicia. Segundo explicaba o representante de Comisións Obreiras, Rafael Vázquez, "a sanidade a están desmantelando, queren privatizala para convertela nun negocio. Os propios xerentes utilizan palabras como que os usuarios compran o aseguramento e que compran un modelo de xestión que son o que levan eles. E nós estamos en desacordo radical".
Estes traballadores apuntan que a situación se está a deteriorar día tras día e as listas de espera aumentan. "Os traballadores estamos empezando a sentir tamén que as propias xerencias parece que quixeran que non traballaramos, que esteamos a disgusto para deixar caer o sistema", asegura Vázquez.
Insiste en que o sistema de xestión clínica que queren implantar agora dende o SERGAS non ten nada que ver co anterior que contaba co persoal. Segundo sinala a proposta actual céntrase nun sistema piramidal con capataces designados. Rafael Vázquez apunta que "os novos xefes de servizo veñen con ameazas e isto provoca rexeitamento polos traballadores sanitarios" e sinalou que mesmo os médicos están a sumarse a estas protestas porque observan o deterioro da atención aos pacientes.
A concentración finalizou cunha pequena manifestación ata a Praza da Ferrería onde se sumaron á protesta contra a reforma das pensións.