Jose Fariña Jamardo, Epifanio Campo, Ramón Somoza e o profesor Hermida terán rúa en Sanxenxo
Por Redacción
Rúa e travesía dos Calvarios, José Fariña Jamardo e dos Limoeiros serán as designacións das vías de nova apertura existentes dentro dos PEI 2 e 3 (Portonovo) que o Goberno local propoñerá ao Pleno da Corporación e que este xoves analizou xa a comisión informativa de Asuntos Xerais.
O proxecto de reforma do rueiro promovido polo Executivo sanxenxino contempla bautizar un total de 30 rúas, prazas e espazos públicos que neste momento carecen de nome.
Entre eles encóntrase tamén en Portonovo a rúa aberta dende a estrada da Lanzada ao vial de Adina que se chamará do Río Valiejos, ao tempo que se cambiará a denominación da que conflúe con esta pasando a ser rúa do Río. A nova vía situada diante do edificio Illas Atlánticas será a rúa do Río Baltar e a praza que hai entre Lalinde del Río e a Mariña chamarase das Flores.
Tamén se oficializará a denominación do Parque do Espiñeiro (Portonovo), así como do Porto Deportivo Juan Carlos I, da Praza do Mar, e da Praza dos Barcos, en Sanxenxo.
En canto á vila sanxenxina, o plan contempla que a estrada coñecida por circunvalación pase a ser a Avenida Aviador Piñeiro; que o treito que une Progreso e Ourense e a praza alí situada (onde está o supermercado Mercadona), se chamen rúa e praza dos Quinteiro; que se amplíe Ramón Cabanillas ata a avenida Luis Rocafort e que a nova rúa do edificio Praia de Silgar sexa a travesía Coruña e que a vía perpendicular á rúa Ourense agora designada co número sete se chame Cachafeiro.
Pola súa banda, o camiño paralelo ao Novo Templo designarase como rúa Don Ramón Somoza, e Miraflores chegará ata a estrada de Reyes. Á súa vez, a vía que conduce ás dependencias da Policía Local será a travesía Miraflores e a que discorre paralela chamarase Profesor Hermida. Ademais, a parte traseira dos inmobles situados na avenida de Vigo que carece de nome pero si dispoñen de portais de entrada será a travesía das Cunchas.
O Pleno da Corporación analizará así mesmo a denominación da vía da urbanización Tomada de Nantes no lugar da Igrexa e da zona recreativa adxacente, como rúa e parque Santa Eulalia; da praza pública de Bordóns como Manuel Cortés e da rúa e ámbito da Casa de Cultura de Adina, que pasará a ser rúa e praza San Miguel. Por último, a pista que vai dende a estrada de Adina ata a de Igrexa a Rial por detrás do cemiterio chamarase rúa Poleiros e a que atravesa A Salgueira (Vilalonga) chamarase Epifanio Campo Núñez.