Satisfacción na Universidade de Vigo polas obras de reurbanización na contorna de Belas Artes
Por Alejandro Espiño
A reurbanización da rúa Maestranza e o paseo central dos xardíns do doutor Marescot, situados diante da facultade de Belas Artes e do ambulatorio Virxe Peregrina é vista con bos ollos pola Universidade de Vigo. "ÿ un proxecto moi bonito", destacou a vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, trala xuntanza que mantivo este mércores co concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, e representantes do Sergas.
A responsable do campus pontevedrés sinalou que na entrada de Belas Artes, onde se realizará esta actuación, "sempre había un caos de coches intentando aparcar e o tráfico rodado desgastaba todo o pavimento". Con esta reurbanización, toda esta zona "quedará ao mesmo nivel e unirase coa Alameda e as Palmeiras", e segundo Antonia Blanco "permitirá limpiar esa zona tan bonita dos xardíns, que actualmente está un pouco destrozada".
Antón Louro explicou que a reordenación da rúa Maestranza súmase ás obras veñen de comezar na contorna da Subdelegación do Goberno, nas rúas de Prudencio Landín e Marescot, e completan un espazo urbano, de forte carácter institucional e dotacional, definido a carón da Praza de España e da Alameda. Os traballos, cun orzamento de 60.000 euros e a cargo da empresa Oresa, comezarán o luns e terán unha duración dun mes.
Subliñou que a rúa da Maestranza remarcará o carácter público da facultade de Belas Artes e do ambulatorio Virxe Peregrina e terá, como na actualidade, deseño peonil e auxiliar. A ambos extremos haberá bolardos abatibles que serán directamente regulados polo persoal universitario e sanitario. Deste xeito, quedará garantido o acceso permanente dos vehículos de subministros, servizos, recollida de análises clínicas e ambulancias.
A Policía Local recomendou este tipo de regulación para acabar co parada irregular de coches particulares fronte ao ambulatorio, o que está a ocasionar "situacións de perigo", dado que os condutores saen case sempre marcha atrás. As prazas de aparcamento reservadas para a Universidade quedarán situadas na rúa do Xeneral Martitegui e as do ambulatorio na de Echegaray.
No 2014 investiranse "non menos de 200.000 euros" na reorganización dos aparcamentos nos viais que rodean o campus
Finalmente, acordouse que as obras prestarán especial coidado á xeración de po e ruído, especialmente durante o horario matutino de consulta e de clases na facultade. Por iso, os traballos que poidan xerar máis molestias se farán durante os sábados, para evitar coincidir co horario de maior actividade no ambulatorio e na facultade de Belas Artes.
OBRAS DE HUMANIZACION DO CAMPUS
Esta actuación coincide coas obras de humanización que se seguen desenvolvendo no campus da Xunqueira. Tras concluír os traballos da primeira fase, na contorna das facultades de Ciencias da Educación e Fisioterapia, a Universidade pretende continuar os traballos o ano que vén. Investiranse "non menos de 200.000 euros" na reorganización dos aparcamentos nos viais que rodean o campus.
Para una terceira fase, aínda sen data, quedará a actuación máis ambiciosa e a que cambiará por completo o aspecto actual do campus universitario: a peonalización de todo o centro do campus, que creará un espazo único compartido por as catro facultades que hai na actualidade: Ciencias Sociais e da Comunicación, Forestais, Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia.