Piden que se cambie o nome á avenida Fernández Ladreda por consideralo símbolo do franquismo
Por Redacción
A Asociación Cultural A Revira aproveita o aniversario da morte de Franco este 20-N para retomar a demanda de total retirada da simboloxía franquista que aínda pervive en Pontevedra e engadir unha nova petición á xa realizada en 2012: o cambio de nome da avenida Fernández Ladreda.
A Revira pediu o pasado 20 de novembro a retirada de todos os símbolos franquistas da cidade en aplicación da Lei de Memoria Histórica de 2007, que obriga ás administracións públicas a retirar todos os escudos, insignias, placas e calquera obxecto que exalte o levantamento fascista e a represión da Ditadura de Francisco Franco.
Naquela petición, realizada por rexistro no Concello de Pontevedra, incluían prazas e símbolos en rúas como Santa Clara, Michelena ou Frei Juan Navarrete. Agora engaden o cambio de nome de Fernández Ladreda porque, segundo sinalan nun comunicado, "atopamos incomprensible que unha das principais rúas da cidade leve aínda o nome deste militar fascista".
Ademais, consideran "vergonzoso" que na placa situada ao principio da rúa apareza designado como político e científico, "coma se nunha rúa dedicada a Hitler intentásese representarlle como pintor e canciller". "José María Fernández Ladreda non só foi un dos altos cargos da ditadura, na que ocupou un posto de ministro de Obras Públicas, senón que previamente tivo un papel protagonista no aparello encargado da represión", recordan desde a asociación cultural, e valoran que "non é digno de nomear unha rúa da nosa cidade".
Desde o colectivo afirman que a denominación desta avenida "non pode deixar de ser considerada unha manifesta exaltación da sublevación militar e a represión da ditadura" e, polo tanto, "merecente da retirada". Cren que a citada avenida merece un nome vinculado á tradición galega e popular da cidade e esixen a súa inmediata substitución.