Quedan en liberdade dous policías locais de Vilagarcía detidos por suborno
Por Redacción
O Xulgado de Instrución número 1 de Vilagarcía deixou este venres en liberdade a dous axentes da Policía Local da capital arousana que foran detidos unhas horas antes por un presunto delito de suborno.
A detención realizouse ao longo da mañá e ao mediodía os dous axentes foron trasladados aos xulgados para prestar declaración. Tras varias horas, pola tarde a xuíza decidiu deixarlles en liberdade, pero imputados por un delito de suborno.
Os axentes, que desempeñan funcións de Seguridade Cidadá, levan xa varios anos na Policía Local vilagarciana e están investigados trala denuncia dun particular por unha presunta xestión irregular dunha multa.
Tras esta queixa cidadá, abriuse unha investigación que derivou na súa detención, pero que aínda non se deu por pechada. Estaríase tratando de indagar se ofrecerían a opción de non poñer unha sanción pedindo algo a cambio, pero todo permanece baixo absoluta discreción.