Unha campaña escolar promove o consumo de froitas e verduras
Por Redacción
Dous monicreques, Xan e Xana, son os dous protagonistas que centran a atención dos escolares na campaña educativa "Son san" sobre alimentación e hábitos saudables que se realiza nos centros educativos do concello de Pontevedra.
A través destas personaxes os nenos descobren os praceres de probar distintos tipos de froitas e verduras durante unha divertida xornada de paseo polo parque. Estes dous monicreques formados por vasos e pratos de cartón cambian de cor a medida que a dieta mellora. Así os máis pequenos adquiren coñecementos básicos sobre os máis sans costumes alimenticios.
Segundo os datos ofrecidos pola concellaría, a experiencia ofrece un balance moi positivo ao combinar a parte lúdica cos contidos educativos a través do traballo que coordina a empresa Anias.
O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, visitou o centro de Parada en Campañó para asistir a unha das representacións teatrais nas que se traslada esta mensaxe a nenos de 3 a 5 anos.
A campaña desenvólvese tamén nos colexios Froebel, Concepción Crespo Rivas, Vilaverde, Álvarez Limeses, Barcelos, Fina Casalderrey, Verducido, San Bieito de Lérez, Xunqueira II, Santo André de Xeve, ponte Sampaio, Carballeira, Cabanas, Manuel Vidal Portela e San Martiño.