Pontevedra é a provincia española con máis fraudes ao seguro do coche
Por Redacción
Pontevedra é a provincia española con maior importe medio de fraudes ao seguro de coche, cunha cifra de 2.858 euros, nun custo que triplica o importe medio estatal destas estafas, que rolda os 885 euros.
A fraude máis común segue sendo intentar incluír dentro dun parte danos alleos ao accidente, alcanzando o 74 por cento do total dos casos. As fraudes cometidas polos provedores (11%), as montaxes (9%) e querer facer pasar como un golpe unha avaría mecánica (2%) lle seguen a máis distancia.
O custo triplica o importe medio estatal destas estafas
No referente ás lesións, a simulación de lesións copan o 98 por cento dos casos, mentres que declarar lesións preexistentes ao accidente supoñen un 2 por cento de total dos intentos de estafas.
En canto ao perfil do defraudador, mantense estable respecto ao estudo de 2011: mozos menores de 26 anos e pemes, dous colectivos moi afectados pola crise; non obstante, a súa evolución é diferente: mentres que a frecuencia de mozos que enganan o seguro sobe 6 puntos, as empresas baixan ao redor de 5.
Ademais de Pontevedra, existen outras dez provincias que superan a media estatal dos 885 euros.
No lado contrario sitúase Ávila, cunha media de 110 euros, oito veces menos que a media xeral, segundo os datos ofrecidos polo segundo Barómetro da Fraude no Seguro de Autos de Línea Directa de 2012.
En España, a estimación do custo total da fraude para o ramo de autos aumentou en case un 30 por cento respecto ao Barómetro anterior, superando a barreira dos 1.000 millóns de euros, unha cantidade que equivale a tres veces a suma dos catro plans PIVE de axuda á compra de vehículos.