Inaugurada a carpa "O Mellor da Terra" con 37 manxares naturais e de proximidade
Por Manu Otero & Mónica Patxot
Os mellores produtos da terra e de proximidade xa poden descubrirse na Praza de España. Os concelleiros Tino Fernández, Yoya Blanco e Iván Pontes foron os encargados de inaugurar unha carpa, pasadas as 12.30 horas deste venres, na que 37 expositores exhiben unha ampla variedade de produtos ecolóxicos, naturais e producidos, na súa ampla maioría, en Galicia.
A segunda edición desta feira titulada "O Mellor da Terra" ten o obxectivo de converterse en escaparate dos pequenos produtores da industria alimentaria e visibilizar entre os visitantes unha ampla gama de produtos innovadores, diferenciados e saudables.
"Agardo que sexa como o ano pasado con moito éxito. Os pequenos produtores precisan que a caidadanía participe porque é unha forma de visibilizar aos produtores porque non todos poden chegar ás grandes cadeas. Estamos xa a traballar para unha terceira edicion", declarou a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, tras a inauguración da feira.
A carpa estará aberta ao público con entrada gratuíta desde este venres ata o domingo en horario ininterrompido de 11 a 21 horas.
Entre os manxares que os cidadáns poderán atopar nesta carpa atópanse paté de centola, ostras afumadas, Xacobleas, aceites, cervexas, marmeladas, mel, hidromiel, mirabeles, galletas, cremas de cacahuete, cafés, bica de castañas, croquetas ou mesmo unha mostra da mellor chacina de León, pemento da Beira ou anchoas de Santoña.
Relacionadas:
-
Corenta posibilidades para degustar o mellor da gastronomía artesá de Galicia sen saír de Pontevedra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
35.000 persoas pasaron esta fin de semana pola carpa de 'O Mellor da Terra'
Por Redacción |
-
Un escaparate na Praza de España para descubrir "O Mellor da Terra"
Por Redacción |