Alertan da falta de seguridade no Centro Avelino Montero polos problemas laborais da empresa de vixilancia
Por Mónica Patxot & Redacción
Un grupo de representantes sindicais do persoal que traballa no Centro de Reeducación Avelino Montero de Pontevedra concentrábase este mércores 2 diante das portas do recinto para denunciar a situación que atravesa a empresa Mersant Vixilancia SL, encargada da vixilancia do centro, e a repercusión que ten na actividade neste centro.
Esta empresa, contratada pola Consellería de Política Social, para executar este servizo de vixilancia e seguridade non realiza, segundo os sindicatos, o traballo que lle corresponde. Segundo denuncian, desde o mes de novembro de 2021 o centro carece do persoal de vixilancia suficiente para levar a cabo as tarefas de rexistro de persoas, espazos e pertenzas; control dos accesos; intervención ante situacións conflitivas que se xeren; situacións de violencia e de agresividade e supervisión das persoas internas e das instalacións.
Afirman que estes días a situación é crítica con ausencia total nalgunhas quendas de traballadores de seguridade, debido aos problemas laborais que ten a empresa, cando o servizo tería que atoparse activo as 24 horas ao día durante todo o ano.
Ramón Vidal, secretario comarcal de UXT, denuncia a contratación deficiente da Consellería de Política Social para este servizo desde o ano 2015 e afirma que a Xunta ten en conta para a adxudicación do servizo a cuestión económica e non a calidade. Explica que a administración debería aplicar recursos para garantir o soldo do persoal encargado deste servizo e evitar a precariedade actual con falta de pagamentos por parte da empresa.
Rebeca López, educadora do Avelino Montero, recoñece que en ocasións se rexistran descubertos na vixilancia que terminan condicionado a actividade educativa. Indica que a presenza do persoal de seguridade é disuasoria e permite o desenvolvemento das accións diarias. Lembran que os menores que se atopan neste centro por orde xudicial son rapaces, nalgúns casos, con condutas violentas.
O servizo de seguridade está formado por un cadro de persoal de 15 efectivos, de ambos os sexos. ao ano. Actualmente no centro, con capacidade para 30 usuarios, atópanse seis menores porque hai dous módulos pechados por obras. Mesmo así, os traballadores aseguran que se xeran conflitos en zonas de actividade común como o comedor ou no espazo deportivo e advirten da posibilidade de que se poida producir un motín.
Os menores que se atopan en distintos réximes (aberto, semiabierto ou de fins de semana) contan con idades entre 14 e 21 anos e pasan unha media de estancia entre nove e 18 meses.
Os traballadores do centro piden á Consellería que garanta as condicións de seguridade para atender os menores que cumpren estas medidas privativas de liberdade. Demandan á Xunta que utilice as canles adecuadas para resolver de maneira urxente esta situación e evitar a "falta de garantías de seguridade" no Avelino Montero.
Relacionadas:
-
Temen a privatización do Centro de Menores Avelino Montero ao non cubrir catro prazas de educadores
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Xunta debe 10.000 euros en conceptos de antigüidade aos profesores máis veteranos do ensino concertado, segundo UXT
Por Manu Otero |
-
Nova protesta contra o impago de Mersant aos vixilantes de seguridade do Centro Avelino Montero
Por Redacción |
-
FTSP-USO denuncia irregularidades na vixilancia do centro de menores Avelino Montero
Por Redacción |