As intensas choivas da fin de semana deixan inundacións e contiosos danos en toda a provincia
Por Redacción
As fortes choivas coas que comezou o mes de novembro provocaron importantes incidentes na provincia de Pontevedra, con inundacións en numerosas localidades que ocasionaron cuantiosos danos. E aínda que este domingo o tempo deunos unha tregua non debemos confiarnos. Para as próximas horas está previsto que, de novo, se produzan abundantes choivas que ameazan con repetir estes episodios.
Segundo reflexa Meteogalicia, as maiores cantidades de auga recollidas o sábado alcanzan os 72,8 litros por metro cadrado en Fornelos de Montes, os 62,3 litros en Cotobade, os 61 litros en Forcarei, os 58,7 litros en Cuntis, os 42,5 libros en Monte Castrove (Poio) ou os 39 de Lourizán. Co acumulado tamén o venres, algunhas destas localidades rozaron os 190 litros por metro cadrado en dous días.
Todo esta auga en tan curto período de tempo provocou rúas asolagadas, ríos desbordados, árbores caídas, baixos comerciais e garaxes inundados e numerosas bolsas de auga nas estradas, co consecuente perigo para a seguridade viaria. O peor viviuse en Cuntis e Caldas de Reis, onde se desbordaron as canles dos ríos Galo e Umia. Efectivos de Protección Civil e Policía Local traballaron durante todo o día para despexar a auga.
Na comarca de Pontevedra, Cotobade e Poio foron as dúas localidades onde se rexistraron máis precipitacións, aínda que apenas se produciron máis incidentes que árbores caídas e pequenas bolsas de auga. Pola súa banda, na capital da provincia repetíronse problemas en zonas habituais como a avenida de Marín ou a rúa Fernando Olmedo, aínda que a canle do Lérez non se desbordou, o que limitou os danos.
Tamén no Salnés vivíronse episodios complicados. Especialmente en Cambados, onde desde o amencer do sábado as fortes choivas asolagaron varias zonas da cidade. Entre outras, a Avenida de Galicia, a Praza do Concello ou as inmediacións da Avenida de Vilagarcía presentaban varios centímetros de auga, ao non lograr achicala a rede de sumidoiros da localidade.
O Grove foi outro dos puntos onde se rexistraron importantes inundacións. Leiras e baixos comerciais, sobre todo nas proximidades dos portos do Corgo e Porto Meloxo, asolagáronse e acumuláronse numerosas bolsas de auga noutras zonas, obrigando aos servizos de urxencia a cortar de forma puntual algunhas rúas ao tráfico. Algúns veciños tiveron ata dificultades para saír das súas vivendas.