O goberno local de Cuntis presentará un orzamento para 2022 de máis de 4 millóns de euros
Por Redacción
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, reuniuse co seu grupo de goberno para terminar de concretar as liñas básicas do orzamento municipal para o ano 2022.
Segundo avanzou o rexedor as contas ascenderán a máis de 4 millóns de euros, ao igual que no pasado exercicio, co obxectivo de "recoller as principais necesidades orzamentarias do noso concello, dándolle prioridade a partidas sociais para facer fronte á nefastas consecuencia causadas pola pandemia".
Campos adiantou ademais que "se conservarán as axudas aos distintos colectivos sociais e culturais para que poidan manter as súas actividades con normalidade. Ao mesmo tempo manterase o esforzo en servizos fundamentais a nivel social como son o Cuntilín ou Atención Temperá e tamén as axudas á natalidade".
Entre as maiores axudas contémplase unha liña específica de 30.000 euros destinadas ao comercio, ao colectivo de taxistas e a outras actividades que se viron especialmente afectadas pola covid.
Pola súa banda o concepto destinado a investimentos superará os 600.000 euros ao ter que facer fronte a proxectos de infraestruturas con achega doutras administracións que deben completar con fondos propios.
A intención do goberno local é poder trasladar ao resto de grupos municipais o texto dos orzamentos de 2022 ao longo da próxima semana para o seu estudo e posterior trato en comisión e no pleno da corporación deste mesmo mes de xaneiro.
Relacionadas:
-
O Servizo de Atención Temperá de Cuntis ten continuidade garantida dous anos
Por Redacción |
-
Un informe de Intervención rexeita aumentar a partida para a conservación dos petróglifos de Cuntis
Por Redacción |
-
Aprobado o orzamento municipal de Cuntis cun incremento das partidas sociais e unha aposta polo polígono
Por Redacción |