Os tataranetos de Lourditas e Goliath chegarán ao mercado no verán de 2022
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
No ano 2019 Lourditas e Goliath lograron reproducirse en catividade. Tres anos despois, no verán de 2022, os seus tataranietos, a quinta xeración de polbos criados en catividade, chegarán ao mercado.
Trátase dun gran fito na historia da acuicultura no mundo, pois ata o de agora ningunha empresa lograra criar polbos en acuicultura, e foi posible no Grove, no Pescanova Biomarine Center, un centro de I+D+i cun investimento de 7,5 millóns de euros que o grupo pesqueiro inaugurou este luns sobre os cimentos do que década atrás foi unha granxa de polos e logo a primeira planta de produción de rodaballo.
Na inauguración foi o CEO de Nueva Pescanova, Ignacio González, o encargado de dar conta deste gran fito. "De aquí saldrá este verano, allá por el mes de junio, el primer pulpo de la historia nacido en acuicultura", anunciou, e engadiu que será froito da quinta xeración e en contar unha anécdota da que senten especialmente orgullosos.
A súa tatara avoa, Lourditas, o primeiro polbo en nacer en acuicultura, crecer e ser nai, chámase así "porque alguien nos dijo una vez que era imposible y los milagros, a Lourdes". A pesar deses malos prognósticos, lograron o fito mundial ao pechar, por primeira vez na historia, o ciclo de reprodución do polbo en acuicultura, conseguindo que os exemplares chegasen á súa idade adulta e poidan reproducirse fóra do seu hábitat natural.
O traballo deste centro, o primeiro centro privado de investigación en acuicultura en España e un do tres máis importantes de Europa, referente a nivel internacional, permitiu que a ciencia supere aos milagres. E tamén confirmar que a innovación está no ADN de Nueva Pescanova, que xa no ano 1961 sacou ao mar o Lemos, o primeiro buque conxelador pesqueiro do mundo, e desde os anos 80 produce en acuicultura rodaballo.
O presidente do Grupo Nueva Pescanova, José María Benavent, destacou este luns que durante anos foron "los únicos productores en el mundo" de rodaballo e lideraron a súa produción a nivel mundial, e, do mesmo xeito que o CEO da compañía galega, insistiu en que "Galicia no podía perder el tren de la acuicultura" nin podía permitir que as instalacións agora reconstruídas e ampliadas languidecesen.
"Seguiremos manteniendo con tenacidad nuestra alma de pioneros", prometeu Benavent, que lembrou o potencial da acuicultura a nivel empresarial e social. Non en balde, na actualidade, segundo a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación), o 50% dos produtos do mar que se consome no mundo xa procede da acuicultura.
Benavent cito tamén a Morgan Stanley, que no seu estudo ' The future of Foods' de 2020, prognostica que o crecemento da acuicultura vai ser na década de 2020 a 2030 dun 5% anual composto, ata alcanzar nese 2030 un volume global de 300 mil millóns de dólares en valor.
A compañía destaca que o Pescanova Biomarine Center posicionaraos á vangarda da investigación acuícola a nivel mundial, converténdose nun centro de referencia na mellora da saúde, a nutrición, o benestar animal, a sustentabilidade e novas especies de cultivo. Así, ademais de empezar a comercializar o polbo, seguirán investigando sobre novas especies, pois das 250.000 especies mariñas que existen, unicamente sábese producir en acuicultura 580.
Con 4.000 metros cadrados e un parque solar fotovoltaico para autoconsumo con 714 módulos e unha capacidade para producir enerxía anual de case 300.000 kWh, que evitará a emisión de CO2 equivalente a plantar máis de 7.000 árbores, este centro dá traballo a máis de 40 investigadores e ten en carteira varios proxectos en colaboración con socios tecnolóxicos, universidades e centros de investigación, para avanzar en transformación dixital e sustentabilidade.
O presidente do grupo destacou un dos seus proxectos, que traballa con tecnoloxías de Intelixencia Artificial e Big Data na acuicultura do lagostino con Microsoft en Nicaragua, Ecuador e Guatemala, onde cultivan 7.000 hectáreas de lagoas naturais. O 100% dos procesos pódense controlar de forma automática e en tempo real, potenciando a eficiencia e sustentabilidade dos cultivos, garantindo a trazabilidade alimentaria e mellorando a saúde e o benestar animal.
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, presidiu este luns a inauguración do centro, á que asistiron o alcalde do Grove, José Cacabelos; o director xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Juan Ignacio Gandarias; a conselleira do Mar, Rosa Quintana; a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; ou o propietario de Abanca, Juan Carlos Ecotet.
Durante a súa intervención Feijóo destacou que con este centro "estamos a poñer O Grove no mapa da acuicultura mundial" e quixo poñer en valor o potencial de Galicia nesta rama do sector pesqueiro.
Así, segundo deu a coñecer, a comunidade produce o 20% do total do peixe e marisco criados en Europa, o 85% do total da produción de España.
Juan Ignacio Gandarias insistiu nesta mesma liña. "Somos referente y queremos seguir siéndolo", sinalou, e avanzou o compromiso do Ministerio co sector, para o que será "esencial" o período 2021-2027.
MUSEO DO PESCANOVA BIOMARINE CENTER
O novo edificio abrirase ao público esta mesma semana, pero só unha parte, a dedicada ao Museo Pescanova Biomarine Center. Será un espazo divulgativo que este luns puideron coñecer os medios de comunicación e autoridades presentes no acto.
Servirá para percorrer a historia da acuicultura desde os seus inicios en China no ano 3.500 A. C., os grandes fitos da historia de Nueva Pescanova e da malograda Pescanova e os retos de futuro da acuicultura e do coidado dos ecosistemas mariños. sendo un sector que dá emprego a 2,5 millóns de persoas en todo o mundo.