Noites Abertas 2022 abre prazo para a presentación de propostas
Por Mónica Patxot & María José Pita
O concelleiro de Xuventude de Pontevedra, Alberto Oubiña, anunciaba que este luns 8 de novembro ábrese o prazo, ata o 8 de decembro, para que particulares, asociacións ou empresas presenten propostas para a vindeira edición de Noites Abertas, que se desenvolverá nos meses de marzo e abril de 2022.
O concelleiro lembraba que o formulario estará habilitado na web noitesabertas.gal e nel os candidatos deberán indicar: a denominación do proxecto, descrición da actividade, público ao que vai dirixida (que ten que estar comprendido entre os 12 e os 30 anos), como se vai levar a cabo, horario preferente (venres e/ou sábado na tarde-noite, cunha duración aconsellada de entre 1 e 2 horas), o espazo elixido e que materiais ou recursos se necesitan.
O Concello de Pontevedra correrá coas gastos de materiais e tamén remunerará aos monitores, polo que se anima a que xente moza presente as súas propostas, que en moitos casos será a súa primeira inmersión no mercado laboral.
Outro elemento que deben ter en conta os candidatos é que, previo ao inicio das actividades, os monitores terán que facer unha formación en igualdade que ofrecerá a Concellería de Xuventude sen custo e que estará impartida por titulados no Ciclo Superior de Promoción da Igualdade de Xénero do CIFP A Xunqueira de Pontevedra.
Oubiña lembraba que 2020 supuxo unha paréntese nun programa que se vén desenvolvendo con éxito entre a mocidade dende hai 22 anos. A pandemia motivou que as actividades na primeira parte do ano mudasen a un formato dixital e, nos últimos meses, aínda que retomaron a presencialidade, houbo varias limitacións. Con todo, a participación foi elevada.
Na edición de 2022 manteranse as normas de seguridade que marcan as autoridades sanitarias, como o uso de máscara. Neste sentido, permítese recuperar aforos e espazos prepandemia, como son: o Colexio Froebel, as instalacións deportivas municipais (Pavillón dos Deportes e Campos da Xunqueira), Local de Música de Pontevedra, a Casa Azul e os espazos abertos na rúa.
Como vén sendo habitual neste programa, as actividades de Noites Abertas 2022 serán gratuítas para as persoas participantes e nelas fomentarase "un xeito distinto de entreterse e aprender", plural, lúdico e integrador, co acento posto en fomentar a socialización.
Relacionadas:
-
Máis dun milleiro de persoas participaron na primeira fase de Noites Abertas
Por Redacción |
-
Noites Abertas sorprende con 'El juego del calamar' entre as súas novas propostas
Por Raquel Currás Martínez |
-
Noites Abertas bótase á rúa
Por Redacción |
-
Noites Abertas volve con novidades relacionadas co feminismo e a ecoloxía
Por Sara Iglesias & Cristina Saiz |
-
RADIO.- Conversas na Ferrería: Quidditch?, slime party?, west coast swing? ... están nas Noites Abertas
Por Marisa Ciordia |