Precintan os apartamentos turísticos Playa Canelas por carecer de licenza de actividade
Por Redacción
A Xerencia Municipal de Urbanismo procedeu este martes a precintar os apartamentos turísticos Praya Canelas dado que carecen de licenza de primeira ocupación que habilite o seu uso e de permiso municipal para o desenvolvemento da actividade. Así se recolle na resolución dictada pola presidenta do organismo autónomo na que se recorda que xa se clausurara a actividade deste establecemento.
Malia iso, o departamento municipal tivo que requirir novamente ao responsable do negocio o cumprimento desta orde á que fixo outra vez caso omiso, como ratificou a Policía Local no informe realizado o pasado 28 de xuño.
Unha vez precintado o edificio, destinado a hotel apartamentos de dúas estrelas no lugar de Canelas (Adina), os seus propietarios non poden continuar co desenvolvemento de calquera tipo de actividade. En caso contrario, o Concello de Sanxenxo dará traslado dos feitos ao Xulgado de Garda competente, como constituínte dun delito de desobediencia grave á autoridade.
Os promotores deste negocio tramitaran no seu momento a licenza de obra e de actividade para levantar un edificio composto por semisoto, planta baixa e dous pisos. Con todo, ao non axustarse o construído á legalidade vixente os apartamentos turísticos non dispoñen dos permisos obligatorios para a súa explotación.