Aprobada a compra do vehículo ao que Mosquera evita chamar 'multamóbil'
Por Anxo Lourido
A xunta de goberno de Pontevedra aprobou a adquisición dun Toyota Aygo, o vehículo que se encargará de controlar aqueles turismos que se encontren mal estacionados. Así o anunciaba o concelleiro de Infraestructuras, César Mosquera, que culpaba o Partido Popular de denominar ao vehículo como 'multamóvil'.
Segundo expón o edil, este vehículo tén como obxectivo "tentar dotar á Policía Local dos medios máis modernos para poder facer o traballo con obxectividade". Neste sentido, Mosquera indicou que agora se poderá determinar se un coche leva estacionado 20 minutos ou unha hora nun espazo de carga e descarga e esa "máxima obxectividade" permitirá establecer a gravidade da infracción.
Mosquera prefire denominar a este vehículo como "ollomóbil" ou "radarmóbil" porque, segundo dixo, non multa senón que circula, grava e localiza por GPS en que situación se encontra cada automóbil e, desta forma, se rexistra unha proba do tempo que os coches se encontren mal aparcados nun punto. E di que este sistema non é comparable co que vén funcionando noutras cidades como Vigo.
O custo da súa adquisición ascende a 53.000 euros, entre o prezo do coche e o equipamento necesario para realizar a vixilancia. E, segundo expuxo, antes de finais de ano circulará polas rúas de Pontevedra. Mosquera apuntou que, no prazo dun ano se se comproba a súa eficacia, poderíase ampliar a frota deste tipo de vehículos.
POUCAS MULTAS
Segundo apuntaba o concelleiro, ao longo de 2012, os axentes da Policía Local puxeron 42 multas diarias por infraccións de tráfico e só 18 teñen como destinatarios a cidadáns de Pontevedra. César Mosquera indicou que, dende que se anunciou publicamente que se ía adquirir o 'multamóvil' reducíronse as infraccións e engadiu que de máis de 100.000 vehículos que entran en Pontevedra só 0,03 son sancionados.
Con estes datos, Mosquera quere contrarrestar as críticas da oposición que afirman que a única finalidade da adquisición deste vehículo é recadatoria. E sinalou que"non queremos sancionar. Hai máis vías presionadoras para que se cumpran as normas que sancionadoras. Andamos na terceira parte na ratio de multas en comparación con outras cidades".
Relacionadas:
-
O 'multamóbil' atrásase ata a primeira quincena de febreiro
Por Natalia Puga |
-
En quince días estará operativo o 'multamóbil' ou 'ollomóbil' da Policía Local
Por Oskar Viéitez |
-
O PP califica ao goberno municipal de "embusteiro" e insiste na finalidade recadatoria do 'multamóbil'
Por Redacción |
-
O PP advirte que o Concello prepara as rúas da cidade para que "arrase" o futuro multamóbil
Por Oskar Viéitez |