O PSdeG esixe unha solución aos "numerosos" defectos da senda peonil de Alba
Por Redacción
A vicevoceira do PSdeG, Paloma Castro, vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para reclamarlle á Xunta que corrixa as eivas e puntos negros existentes na nova senda peonil na PO-225, ao seu paso polo núcleo de San Caetano, na parroquia pontevedresa de Alba.
A deputada socialista lembra que a Xunta inaugurou esta senda no mes de febreiro. A iniciativa, que custou uns 700.000 euros, permitiu a construción dunha vía de 710 metros de lonxitude, unha pasarela metálica de 12 metros sobre o río Rons, o acondicionamento da praza no exterior da capela de San Caetano e a corrección dalgunha deficiencia neste tramo.
Paloma Castro sinala que se trataba dunha demanda histórica, mais "a intervención ten moitos puntos negros". A socialista insta ao Goberno galego a que se leven a cabo actuacións como a retirada das papeleiras ou que se asine un convenio co Concello de Pontevedra para que asuma a súa limpeza. Tamén pide que se coloque un pavimento de vidro nun pequeno tramo, á altura do lugar Guxilde, para que se poida apreciar a calzada romana orixinal.
Ao mesmo tempo, nestas propostas solicítase que se tape cun enreixado o sumidoiro que se atopa no marxe dereito da calzada antes de chegar á ponte do río Rons para evitar caídas, que se amplíe a illa destinada aos contedores co fin de poder agrupar todos nun mesmo lugar e que se proceda ao asfaltado da marxe esquerda da capela de San Caetano.
A maiores, as melloras esixidas inclúen a colocación dunha varanda de peche ao remate da ponte do río Rons e a recuperación para o seu uso da fonte existente nunha das marxes do camiño. A colocación de paneis informativos que expliquen as singularidades deste tramo do Camiño e da capela de San Caetano é outra das demandas.
Por outra banda, Paloma Castro tamén sinalou que o grupo socialista vén de rexistrar unha serie de iniciativas no Parlamento para que a Xunta tome medidas para evitar accidentes de vehículos pesados na ponte ferroviaria de San Caetano, na PO-224, ao seu paso pola parroquia pontevedresa de Alba e que se arranxe e reforce esa ponte, “moi deteriorada polos continuos impactos de camións”.
Relacionadas:
-
Reclaman no Parlamento solucións "urxentes" para mellorar a seguridade na estrada PO-225
Por Oskar Viéitez |
-
A Boa Vila acolle un grupo de galegos do exterior na súa peregrinación a Santiago
Por Redacción |
-
Lores falou con Feijóo sobre o novo proxecto da Variante de Alba e confía nunha resposta "positiva" da Xunta
Por Natalia Puga |
-
Alba estrea a súa senda para peóns e peregrinos na zona de San Caetano
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |