Educación estudiará coa Anpa e o Concello a situación do transporte escolar no CEIP Isidora Riestra
Por Redacción
O xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares, o alcalde de Poio, Luciano Sobral, e as concelleiras de Educación, María Alicia Martínez, e Servizos Sociais, Lidia Salgueiro, mantiveron un encontro este martes para analizar as diferentes demandas dos centros educativos do municipio.
A Xunta comprometeuse a buscar unha solución á situación do transporte escolar no CEIP Isidora Riestra de Poio tras detectarse máis pasaxeiros dos permitidos nun autobús.
Deste xeito, manterase un encontro a próxima semana no que se avaliará unha posible solución xunto á ANPA e a dirección do centro, así como os responsables do Servizo de Transporte da Xefatura Territorial e a empresa encargada do transporte escolar.
O xefe territorial tamén anunciou a Luciano Sobral da localidade a posta en marcha dun plan de actuación na Escola Infantil de O Vao así como no centro das Viñas, adscrito a este colexio, a través do cal impulsaranse accións de formación en hábitos saudables en cuestións coma a alimentación, a hixiene ou a educación social. Neste plan participará tamén a Consellería de Sanidade, así como os servizos sociais do concello de Poio.
Recordou Pérez Ares que precisamente o centro educativo de As Viñas recibiu este curso un profesor de Audición e Lingüaxe, a maiores, para atender ás necesidades especiais dos alumnos neste eido.
Durante a reunión o responsable de Educación en Pontevedra agradeceu a colaboración do concello nas obras executadas durante os pasados meses para a mellora dos centros, e recordou que dende a administración destináronse case 300.000 euros dende 2009 a obras de mellora nos colexios deste concello. "A isto temos que sumar os 55.000 euros destinados durante este ano a diversos traballos de mellora como a reforma da instalación da calefacción no Colexio de Chancelas, a instalación de depósito combustible de calefacción no Colexio de Espedregada, así como na reforma de varios ventanais en distintos centros", explicou Pérez Ares.
Pola súa banda, o concello levou a cabo as obras de desdoblamento de aulas en Chancelas e no Isidora Riestra.
Por outra banda, o xefe territorial e o alcalde de Poio acordaron seguir a colaborar para a mellora dos centros e, deste xeito, a seguinte obra a executar será o cambio de ventás en Espedregada así como no Isidora Riestra, e a reposición dos dinteis na fachada do CEIP de Lourido.
"A maiores, a unidade técnica da Xefatura Territorial de Educación acudirá aos centros de Viñas e Chancelas para avaliar a situación das cubertas", explicou Pérez Ares, "xa que os colexios nos transmiten a súa preocupación polo seu estado".