O Grove rebaixa esta medianoite o nivel de restricións e queda en risco alto
Por Redacción
O Grove consolida o descenso da incidencia acumulada tanto a catorce como a sete días e esta próxima medianoite rebaixará as restricións do nivel máximo a nivel alto. Desta forma deixará de ser o único concello da área sanitaria e de Galicia que se atopaba nese parámetro.
Así o publica o Diario Oficial de Galicia este luns 16 de agosto, sinalando que á vista do descenso da incidencia é posible o descenso a este nivel alto de restricións. Segundo engade, a taxa de incidencia a sete días é de 116 casos por cada cen mil habitantes e a de incidencia a catorce días é de 315 casos e segundo os datos cotexados este pasado domingo 15.
Esta melloría conleva evitar un temor que se cernía sobre a hostalería do municipio meco a partir de leste mesmo martes: o peche no interior dos establecementos. Unha tesitura que supoñería un considerable prexuízo nun municipio eminentemente turístico e en plena tempada alta. Desta forma continuarán traballando cun aforo do 30% en interiores e o 50% en exteriores coas máximas xerais de reunión entre unidades de convivencia e non conviventes.
"Dentro do malo que é seguir coas limitacións que temos, tamén é un alivio poder continuar así" apunta María Gómez, xerente da Asociación Emgrobes, en referiencia ao feito de evitar o peche do servizo no interior dos negocios. "O que nos gustaría é que o Comité se reunise máis a miúdo para ir revisando as medidas. O que temos claro é que a hostalería non ten a culpa da situación", apostila.
Relacionadas:
-
O Concello pide "sentidiño" á Xunta fronte ás medidas "incomprensibles" que adopta para frear a covid-19
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Os hostaleiros do Grove poden abrir o interior dos seus locais
Por Oskar Viéitez |
-
Sanidade só mantén O Grove en nivel máximo
Por Oskar Viéitez |
-
Redución a nivel alto en Cambados mentres Sanxenxo, O Grove e Meaño continúan en máximo
Por Redacción |