Os máis cativos de Sanxenxo aprenden a vendimar e a pisar a uva
Por Redacción
Os nenos das Escolas Infantís Municipais O Tombo e O Revel de Sanxenxo puideron gozar dunha xornada moi entretida na que aprenderon distintos aspectos do mundo da viticultura.
Durante a mañá coñeceron que tipos de uvas poden encontrar en Galicia. Pero o que lles resultou máis divertido foi recoller acios dunha viña elaborada polos propios docentes dos centros escolares. Despois da vendima, os cativos pisaron as uvas cos pés ata que lograron obter o xugo dos acios. Pero a aprendizaxe non quedou aí, a continuación, tamén realizaron o embotellamento para completar, a moi pequena escala, todo o proceso relacionado coa elaboración do viño.