O turismo representa o 38% da pegada de carbono en Sanxenxo, o 70% pola mobilidade
Por Redacción
A presidenta da Deputación, Carmela Silva; o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; o presidente de Segittur, Enrique Martínez; e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaron este luns en Sanxenxo as conclusións dun estudo de monitoraxe de indicadores de turismo elaborado pola Sociedade Mercantil Estatal para a Xestión da Innovación e das Tecnoloxías Turísticas nesta localidade.
O estudo, realizado grazas a un convenio de colaboración asinado entre a entidade dependente do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital e o Concello de Sanxenxo, analizou o funcionamento do sistema de monitoraxe durante o seu primeiro ano de funcionamento. Para realizalo, participaron empresas concesionarias dos servizos municipais.
As conclusións do estudio, que analizou datos procedentes dos consumos de auga, enerxía e residuos, ademais dos de mobilidade, cotexados cos de telefonía, foron presentadas polo presidente de Segittur, Enrique Martínez Marín, que deu a coñecer parámetros como que o turismo representa o 37,79% da pegada de carbono en Sanxenxo, e que é a mobilidade a causante do 70% desa pegada.
Despois do diagnóstico da situación, o informe propón cinco retos: a sistematización da medición da sostibilidade, na que se propón entre outras medidas a adopción dun modelo de contratación pública sostible; a descarbonización do sector turístico; a sostibilidade socioeconómica; a sostibilidade dos recursos e a formación e concienciación para a sostibilidade do turismo.
Durante o acto participou telematicamente Dirk Claesser, director de Desenvolvemento Sostible do Turismo da Organización Mundial do Turismo, quen subliñou que tras a pandemia "a sostibilidade non é unha opción, é un investimento" e confiou en que este proxecto de Sanxenxo inspire outros novos, con novas accións e compromisos.
Durante a presentación, Carmela Silva defendeu o estudo e o rigor dos datos a través das novas tecnoloxías e a necesidade do traballo "conxunto" e sinerxías entre as administracións públicas e o sector privado para acadar un turismo sostible e intelixente.
Carmela Silva falou de que as administracións públicas "xa non poden actuar con intuición", senón que son necesarios datos como os extraídos do citado informe "para ter un coñecemento profundo do que acontece, a través do big data e a intelixencia artificial, que nos permitan tomar decisións". Sinalou tamén que é imprescindible que estas "medicións intelixentes" a través dos perfís das persoas visitantes e os datos desagregados do conxunto do ano permitan ofrecer servizos e produtos tendo en conta á poboación local, "para que non sufra o turismo, senón que sexa percibido como un elemento de transformación e creación de riqueza apoiado pola xente local".
Telmo Martín insistiu en que "temos claro que se Sanxenxo quere seguir sendo un destino turístico líder do norte de España só será posible se nos envorcamos na sustentabilidade e promovemos o uso responsable dos recursos" e estableceu tres piares básicos de atención. O parámetro máis importante é o coidado das augas das dúas rías, pero sen esquecer outros aspectos importantes como o tratamento dos residuos coa reciclaxe e a compostaxe, e a creación de plans para impulsar unha mobilidade e un consumo de enerxía máis eficiente.
Relacionadas:
-
A Deputación colaborará con Segittur para promover o modelo de Destino Turístico Intelixente
Por Oskar Viéitez |
-
A análise Big Data da Deputación confirma a boa reputación das Rías Baixas como destino turístico
Por Redacción |
-
'Está en tu mano, cierra el grifo cuando toca', a campaña de Sanxenxo para anticiparse á seca estival
Por Redacción |
-
A Deputación difundirá Pontevedra como destino turístico ante empresas do sector en Madrid e Valencia
Por Redacción |