Concentración da CIG para reclamar a Iceta "verdadeiros procesos de consolidación" do emprego público
Por Mónica Patxot & Redacción
Representantes do sindicato CIG concentrábanse na mañá deste xoves ante o edificio da Subdelegación do Goberno en Pontevedra para denunciar a reforma do Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) que promove o ministro Miquel Iceta, titular do Ministerio de Política Territorial e Función Pública.
Segundo sinalan desde a central nacionalista, esta reforma busca a resolución do problema da temporalidade no emprego público deixando sen traballo a todo o persoal interino e temporal. Indican que esta proposta vai en contra da xurisprudencia emitida polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea e das resolucións xudiciais da Sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Entenden desde o sindicato que non se pode abordar esta reforma sen eliminar antes as taxas de reposición de efectivos, que impiden ás distintas administracións públicas dimensionar os persoais e decidir sobre a xestión dos servizos que se deben realizar, atendendo aos orzamentos.
Denuncian que non se pode deixar na rúa a todo o persoal que leva anos prestando servizos nas administracións públicas e sen dar solución a preto de 300.000 persoas que se atopan en situación de temporalidade.
Entenden que debe articularse unha solución excepcional ao problema da temporalidade acumulada e que se realice unha aposta por uns verdadeiros procesos para consolidar o emprego público, respectando os ámbitos de negociación establecidos.