Que está a pasar coa corta masiva de árbores nos xardíns do antigo asilo?
Por María José Pita
Nas últimas semanas, os veciños da contorna da antiga Residencia Virgen del Camino - Hermanitas de los Ancianos Desamparados, popularmente coñecida como Asilo de Pontevedra, mostraron a través das redes sociais a súa preocupación polas cortas que se están levando a cabo nos xardíns traseiros do edificio.
Estes xardíns, situados no límite entre as rúas Joaquín Costa e A Estrada, rexistraron no último mes polo menos tres xornadas de corta, roza e limpeza, tanto de árbores como de sebes. O resultado da última actuación móstrase nas fotografías que nos remite un veciño do número 81 de Joaquín Costa.
José Luis Garrido explícanos que os tocos que se ven nas imaxes se corresponden cunha ringleira de ao redor dunha ducia de árbores que crecían en paralelo ao muro. Ademais, tamén contabiliza que este martes uns operarios cortaron cinco tuias de grande envergadura do mesmo xardín.
Dirixímonos á Congregación Relixiosa das Hermanitas de los Ancianos Desamparados, a propietaria destas instalacións.
A madre Trinidad, superiora de Vigo, infórmanos de que esta corta se produce en atención ás protestas de varios veciños aos que as pólas das árbores lles invadían as súas propiedades. Aínda que puidese parecer que se cortaron árbores enfermas e secas, polo aspecto dos restos, confírmanos que estaban sans e a queixa veciñal é o único motivo.
En todo caso, chama a atención que non só se cortasen as árbores lindeiras coas vivendas, as que serían obxecto de protesta, senón tamén outras especies de menos porte e mesmo sebes. A madre Trinidad engade que se trata de traballos habituais de mantemento, e desliza que seguirán con estas actuacións "ata que nos deixen facer algo alí", pero que non pode dicir nada máis.
Trasladamos esta información ao veciño que nos remite a fotografía do xardín "pelado" desde a súa terraza e asómbrase porque descoñece que haxa algún veciño descontento, polo menos no seu edificio, "é máis, teño unha veciña que as ramas das tuias entraban na súa terraza e dicíame que tiña unha vista marabillosa, coa natureza entrando na súa casa".
Na mesma liña pódese ver nunha publicación dun grupo de Facebook a indignación dunha veciña, neste caso dun edificio do tramo da rúa A Estrada, que compartía o seu asombro ao ver como os operarios estaban a cortar as árbores xunto ao muro do xardín. Nos comentarios, algúns internautas lamentábanse de que en moitas destas árbores había aves aniñando.
Así que a incógnita é dobre. Por unha lado, que veciños puideron queixarse polas ramas das árbores?. E por outro, que se agocha tras ese enigmático "facer algo alí"?
En todo caso, trátase dunha propiedade privada e, salvo que fosen árbores "senlleiras", que non é o caso, en principio a congregación relixiosa das Hermanitas de los Ancianos Desamparados ten vía libre para organizar o seu xardín como mellor lle conveña.